O secretario xeral da Lingua e o director xeral de Cultura inauguraron a exposición sobre a homenaxeada nas Letras Galegas no Museo do Pobo Galego

A Xunta segue a difundir o legado de Luísa Villalta cunha mostra itinerante que chega a Santiago

Os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacan que o proxecto ofrece “unha traxectoria vista desde moi diversas perspectivas”

O percorrido consta de 14 paneis con textos divulgativos, seis vitrinas con pezas orixinais e un vídeopoema recitado pola creadora

A proposta, que xa se puido visitar na Coruña e en Vigo, figura na programación do ‘CulturON’ da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Santiago de Compostela, de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inauguraron no Museo do Pobo Galego, en Santiago, a mostra Luísa Villalta. A música das palabras, coa que a Xunta segue a contribuír na difusión do legado da autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas.

A exposición componse de 14 paneis divulgativos que transportan ao visitante polos fitos máis importantes da vida e obra da coruñesa. A eles súmanse seis vitrinas con pezas orixinais relacionadas coa protagonista e un vídeopoema recitado pola propia creadora. Un repaso que, segundo resaltaron os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “posibilita dunha maneira moi doada e accesible o coñecemento e comprensión da traxectoria de Luísa Villalta vista desde moi diversas perspectivas, como é a súa infancia, a súa etapa universitaria, a súa evolución no eido musical, os seus primeiros escritos ou o seu labor intelectual, activista e docente”.

Neste senso, lembraron que a proposta que chega agora a Santiago de Compostela, e que xa puido verse na Coruña e Vigo, pretende “continuar celebrando a figura da escritora ao longo do territorio galego, poñendo en valor e achegando á sociedade a gran aportación que deixou na nosa cultura”.

A exposición, comisariada por Xesús Domínguez Dono e enmarcada na programación do CulturON do Goberno galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2024