A Xunta súmase ao recoñecemento ao labor das agrupacións de voluntarios de Protección Civil no concello de Cangas
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu ao acto de entrega de distincións a institucións e persoas que colaboran na Protección Civil no marco da celebración do patrón da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil
Cangas (Pontevedra), 15 de setembro de 2024
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe en Cangas no acto de distinción a institucións e persoas que colaboran na Protección Civil. O evento desenvolveuse no marco da celebración do patrón da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) desta localidade pontevedresa.
A Xunta pon así de manifesto o seu recoñecemento ao labor dos servizos de emerxencias dos concellos, un apoio que tamén se materializa cada ano con axudas ao seu funcionamento e en equipamento. O obxectivo é que estes efectivos conten cos recursos precisos para desenvolver o seu traballo a prol da seguridade e o benestar cidadá nas mellores condicións.
Para garantir un desenvolvemento eficaz do seu traballo, a Xunta apoia as AVPC a través de diferentes liñas de axuda que supuxeron un investimento superior aos 20 millóns de euros nos últimos anos. Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. Contan tamén cunha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.
A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.
Canto ao apoio á AVPC de Cangas en achegas económicas e dotacións nos últimos anos, a contía supera os 200.000 euros. Entre o equipamento máis recente entregado cómpre sinalar material loxístico de seguridade viaria, un conxunto de ferramentas de excarceración ou o cofinanciamento dun vehículo autobomba.