O presidente da Xunta participou na 22 edición de Termatalia en Expourense
Rueda anuncia unha nova liña de axudas para o sector termal destinado a modernizar as súas instalacións
Estas axudas incluiranse nun plan específico que está previsto que se aprobe antes de fin de ano co obxectivo de seguir apostando por un eido no que Galicia é a segunda potencia a nivel europeo
O plan tamén contempla a creación dun Observatorio do Termalismo para afondar na investigación e profesionalización do sector
O termalismo xera preto de 19.000 empregos na comunidade e só o ano pasado atraeu a 190.000 turistas
Ourense, 26 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico ultima unha nova liña de axudas de ata 8 millóns de euros destinados a modernizar e mellorar as instalacións termais e que forma parte dun plan específico máis amplo para potenciar este sector en Galicia.
Durante a súa intervención na XXII edición de Termatalia en Ourense, Rueda lembrou que Galicia é a primeira potencia termal en España e a segunda en Europa, un sector que xera 19.000 empregos -entre directos e indirectos- en Galicia e que atraeu o ano pasado a preto de 190.000 turistas.
O presidente salientou que o termalismo reúne todas as características do modelo turístico polo que aposta a Xunta: un turismo sostible, de calidade e que permite desestacionalizar a chegada de viaxeiros á comunidade. Neste sentido, fixo un chamamento a saber aproveitar as “posibilidades turísticas, medicinais e de promoción que ofrecen as augas termais.
Está previsto que o Plan específico para o termalismo se poña en marcha antes de que finalice o ano, contando con esa liña de axudas que virían dos fondos Next Generation da Unión Europea. Ademais, contempla a creación dunha Mesa de Termalismo para fomentar a colaboración entre distintas áreas da Xunta neste eido e a creación dun Observatorio Termal para avanzar na investigación e profesionalización.
Unhas medidas que se suman ao Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos históricos que promove melloras en áreas termais e que conta cun orzamento de máis de 21 millóns de euros ata 2026.
Rueda aproveitou para destacar as boas cifras que acadou Galicia este ano a nivel turístico en xeral, que tamén quedaron reflectidas no sector termal, e animou “a seguir traballando con este tesouro que temos, que nace do centro da terra e fala de Galicia por todo o mundo”.