A Xunta reforza o equipamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ortigueira cunha embarcación para rescate

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, comprobou as prestacións da lancha, na que o Goberno galego investiu 16.500 euros

Nos últimos anos este concello recibiu preto de 450.000 euros de investimento autonómico da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, ademais de cofinanciar máis da metade dos gastos de funcionamento do GES 

Ortigueira (A Coruña), 26 de setembro de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, comprobou hoxe as prestacións da embarcación pneumática de salvamento e rescate adquirida polo Concello de Ortigueira co apoio da Xunta para reforzar o equipamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). O Goberno galego investiu máis de 16.500 euros na dotación destinada ao rescate e actuacións de emerxencias.

A medida enmárcase na aposta do Goberno galego polo impulso ao sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, con achegas económicas para o funcionamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e a entrega de equipamento de emerxencias, que no caso de Ortigueira suman nos últimos anos un investimento de preto de 450.000 euros. Ademais a Xunta de cofinancia o GES aportando máis do 52% dos gastos de funcionamento, o que supón 168.000 euros anuais.

Deste xeito, tal e como asegurou Santiago Villanueva, a Xunta mantén o seu compromiso en dotar os servizos de emerxencias dos concellos do material necesario para que poidan realizar as súas intervencións nas mellores condicións e con todas as garantías. Ademais, puxo en valor o traballo altruísta do voluntariado de Protección Civil, que en moitas ocasións é o primeiro en chegar ao lugar das incidencias e presta un apoio imprescindible aos demais servizos de emerxencias mobilizados.

Apoio a través de diferentes liñas

Para garantir un desenvolvemento eficaz do seu traballo, a Xunta apoia as AVPC a través de diferentes liñas de axuda que no conxunto de Galicia supuxeron un investimento superior aos 20 millóns de euros nos últimos anos. Este financiamento permítelles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. No caso de Ortigueira, a maiores do financiamento da embarcación, entre o equipamento entregado máis recentemente figuran un equipo de excarceración ou un furgón de servizos varios.

As entidades contan tamén cunha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2024