Rueda e o seu Executivo reuniranse esta fin de semana en Sober para avanzar nos próximos fitos da acción de Goberno e as liñas estratéxicas da lexislatura
O obxectivo é reforzar a coordinación entre departamentos, fixar obxectivos a curto e longo prazo e definir as prioridades en cada área
As xornadas tamén servirán para apoiar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reunirá esta fin de semana a todo o seu equipo de Goberno na localidade lucense de Sober, onde levarán a cabo dúas xornadas de traballo nas que desenvolverán os próximos fitos da acción de goberno para os vindeiros meses, así como as liñas estratéxicas da lexislatura.
O retiro dos membros do Goberno galego tamén servirá para reforzar a coordinación entre departamentos, fixar obxectivos a curto e longo prazo e definir as prioridades en cada área. Neste sentido, o encontro está pensado para seguir analizando e intentando dar a máxima resposta ás necesidades dos galegos e galegas coa fin de acadar o seu benestar e seguir facendo da comunidade un lugar referente tanto en investimentos como en calidade de vida.
Defensa da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial
As xornadas tamén servirán para apoiar a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra de cara a acadar en 2026 o recoñecemento como Patrimonio Mundial.
O Goberno galego, que puxo en marcha o proxecto no 2017, xa fixo entrega á embaixada de España ante a Unesco do primeiro expediente da candidatura e aproveitará a estadía en Sober estes días para poñer en valor unha vez máis todos os atractivos e posibilidades desta zona que comprende as provincias de Lugo e Ourense.