A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe as obras acompañada do delegado territorial, Javier Arias, e do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega

A Xunta destina 700.000 € para impulsar a reforma integral do Hospital Asilo como residencia de maiores

Esta achega transformará o inmoble municipal nunha residencia de vangarda e permitirá o regreso á vila das persoas maiores que foron trasladadas a outros centros por mor das obras

Ribadeo (Lugo), 27 de setembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sinalou hoxe que o Executivo autonómico impulsa con 700.000 euros a reforma integral do Hospital Asilo de Ribadeo que está a executar o concello e que teñen como obxecto adecualo como centro residencial para persoas maiores. Fíxoo durante unha visita ás obras na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, do alcalde, Daniel Vega, e da secretaria xeral técnica da Consellería, María Francisca Gómez.

Fabiola Garcia destacou que este investimento permitirá completar as obras de rehabilitación deste inmoble municipal para convertelo nunha residencia de vangarda, así como o regreso á vila e xunto coas súas familias das persoas maiores que tiveron que ser trasladadas a outros centros por mor das obras. Este traslado acordouse coas familias para que ocuparan prazas públicas da súa preferencia sen necesidade de desprazarse largas distancias.

Ademais, a conselleira indicou que con esta colaboración o Goberno galego cumpre o seu compromiso cos veciños de Ribadeo de colaborar no financiamento desta importante actuación para que sexa unha realidade canto antes e tamén reforza a súa aposta pola atención de proximidade, impulsando a creación de recursos residenciais.

O custo total da obra ascende a máis de 1,5 millóns de euros. O resto do financiamento corre a cargo do concello, para o que conta con fondos procedentes dunha doazón efectuada no seu día por un ilustre veciño da vila para este fin: o doutor Francisco Moreda Pérez. Os traballos comezaron a finais do ano pasado e, segundo as previsións do concello, está previsto que rematen no primeiro semestre de 2025 coa reincorporación de usuarios. O centro residencial será de titularidade municipal e ofertará 40 prazas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2024