Rueda anuncia que a Estratexia de Turismo de Galicia investirá máis de 1.000 M€ ata 2030 para potenciar un turismo sostible, hospitalario e diversificado por todo o territorio
Un terzo do orzamento destinarase a medidas de sustentabilidade, tanto medio ambiental como social, tendo moi en conta aos residentes
Crearase un portelo único para as empresas do sector co obxectivo de axilizar e simplificar os seus trámites coa Administración
Traballarase en prestixiar as profesións turísticas co obxectivo de crear e reter talento
O Xacobeo 2027 terá un papel fundamental no desenvolvemento turístico dos próximos anos, e xa se está traballando para que sexa un éxito
Ferrol, 27 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que nova Estratexia de Turismo de Galicia 2030 contará cun investimento de máis de 1.000 millóns de euros no seu período de vixencia cos obxectivos prioritarios de potenciar un turismo sostible, coa hospitalidade como sinal de identidade e que beneficie ao conxunto do territorio.
Así o explicou hoxe durante a presentación desta folla de ruta, que se elaborou partindo dun proceso de diagnose no que participaron máis de 1.000 profesionais a través de mesas de traballo, en coordinación co Clúster Turismo de Galicia. Tamén se contou coa colaboración das universidades galegas.
O documento, composto por un total de 64 medidas, ten como obxectivo seguir aproveitando o potencial turístico da comunidade, de forma sostible. Así, propón medrar onde sexa máis necesario, poñendo o foco no litoral e no rural; apostar por un turismo máis internacional e máis desestacionalizado; e no que se prime a convivencia coas comunidades locais. De feito, un terzo de todo o orzamento destinarase a sustentabilidade no seu sentido máis amplo: medio ambiental, pero tamén social, co obxectivo de xerar unha relación positiva entre turistas e residentes.
De feito, durante a súa intervención, o presidente insistiu na necesidade de seguir reivindicando Galicia como unha terra acolledora, e rexeitou aqueles discursos que mandan mensaxes negativas sobre un sector que representa na comunidade máis do 10% do PIB e xera uns 130.000 postos de traballo.
Un portelo único
O documento articúlase ao redor de 8 misións ou obxectivos: destino auténtico e diferencial; sostibilidade integral; promoción, comercialización, desestacionalización e internacionalización do destino; rendibilidade empresarial e competitividade; mobilidade, conectividade turística e reequilibrio territorial; gobernanza do destino; intelixencia turística e transformación dixital; e capital humano e retención do talento.
Cada un destes eixos inclúe unha batería de propostas para avanzar. Durante o acto, destacáronse algunha delas como a creación dun portelo único para o sector que permitirá desburocratizar e simplificar os trámites ao facilitar que as empresas non teñan que acudir a diferentes departamentos. Deste xeito, contribuirase a axilizar a creación de negocios e atraer novos investimentos.
A Estratexia inclúe tamén medidas para prestixiar o sector e as profesións turísticas e contribuír a xerar emprego de calidade, co obxectivo último de crear e reter talento. Para conseguilo, potenciarase o papel do Centro Superior de Hostalería de Galicia que habilitará novas formacións, e anticiparase ás necesidades do mercado.
No ámbito dixital, entre outras medidas, finalizarase o proxecto que está en marcha do xemelgo dixital do Camiño de Santiago e seguirase aplicando esta ferramenta para outros espazos singulares. Grazas a iso, poderanse facer simulacións e predicións para tomar as decisións axeitadas e informadas.
Diversificación e Xacobeo 2027
Tamén se fomentará o uso de diferentes medios de transporte brandos (bicicletas, itinerarios a pé...) e da mobilidade eléctrica para conectar os grandes nodos de transporte cos recursos turísticos. Ademais, seguirase impulsando o termalismo e enogastronomía; traballando na internacionalización e desestacionalización; ou impulsando o turismo de congresos.
No turismo dos próximos anos tamén xogará un papel fundamental o Xacobeo 2027, para o que xa se está traballando co obxectivo de que volva ser un éxito, como o dobre Ano Santo Anterior. En definitiva, tal e como explicou o titular do Executivo galego, buscarase reforzar Galicia como destino sostible, que xere riqueza e todo o territorio; que poña o foco nas persoas -nas que nos visitan e nas que viven aquí-; e que aposte pola hospitalidade como sinal de identidade de Galicia.