O presidente da Xunta participou na botadura do novo buque ‘Prion’ en Marín
Rueda pon en valor o liderado de Galicia no naval e a industria pesqueira ao apostar pola innovación e sustentabilidade como claves para o seu futuro
Asegurou que o novo barco construído polo estaleiro Nodosa para Pescapuerta é un exemplo da marca Galicia Calidade
Reafirma o compromiso do Goberno galego co sector naval con medidas como o Plan Director específico, en cuxa elaboración xa se está a traballar e que espera ver a luz antes de que finalice o ano
Marín (Pontevedra), 30 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe na botadura do novo buque conxelador Prion, o cal puxo como símbolo da innovación e a capacidade que ten Galicia para liderar proxectos tecnolóxicos avanzados no ámbito naval e pesqueiro sen perder de vista a sustentabilidade: ”Este barco é o reflexo do ben que se fan as cousas en Galicia. Tanta xente hoxe aquí acredita que este estaleiro fixo as cousas moi ben”, apuntou Rueda.
Así, indicou que este barco, construído polo estaleiro Nodosa para Pescapuerta, “é unha mostra perfecta da marca Galicia Calidade”, recoñecida internacionalmente pola súa excelencia. O buque incorpora as últimas tecnoloxías para minimizar o impacto ambiental grazas a un deseño optimizado do casco e motores máis eficientes, así como melloras para procurar o benestar da tripulación reforzando a seguridade, comodidade e descanso. Factores, tal e como apuntou Rueda, tamén clave para asegurar o relevo xeracional no sector pesqueiro.
Neste sentido, reafirmou o apoio da Xunta a sectores estratéxicos como o naval, fundamental para o crecemento económico de Galicia, ao contribuír co 5% ao PIB galego e dar emprego a máis de 26.000 persoas de maneira directa e indirecta. O titular do Goberno galego lembrou iniciativas impulsadas para apoiar o seu crecemento como o Plan Director específico, en cuxa elaboración xa se está a traballar e que espera ver a luz antes de que finalice o ano: “O que facemos é escoitar con humildade aos que sabedes de todo isto, para que nos acheguedes todo o necesario”, remarcou.
O obxectivo, apuntou, é contar cun instrumento consensuado e que dea unha resposta real ás necesidades do sector, co fin de acompañalo durante o seu proceso de transformación.