O conselleiro do Mar visitou os principais stands das empresas galegas

Alfonso Villares sitúa á Feira Conxemar como escaparate único onde amosar o liderado das empresas pesqueiras galegas do conxelado

O titular de Mar, acompañado polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, fixo un percorrido polos principais expositores das empresas española do sector do conxelado onde mantivo encontros informais cos seus responsables

O responsable autonómico resaltou as boas cifras rexistradas nesta nova edición de feira internacional Conxemar con máis de 750 stands de 46 países, con novas incorporacións como Sudáfrica, México, Polonia, Indonesia ou Namibia, entre outros

Tamén manifestou que agarda que nestes días se superen os 619 millóns de euros en acordos comerciais rexistrados no 2023, o que supón o 6% do total da facturación de todo o sector a nivel estatal

VIgo, 1 de outubro de 2024

Este martes comezou a vixésimo quinta edición da Feira Internacional de Produtos Conxelados do Mar- Conxemar no recinto feiral do Ifevi en Vigo no que, ata o vindeiro 3 de outubro, se darán cita as principais empresas do sector da transformación e comercialización de produtos do mar. Con motivo da celebración do seu cuarto de século de historia, o evento esta dedicado a abordar o concepto de responsabilidade  e na transición dos alimentos acuáticos cara sistemas alimentarios sostibles.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, aproveitou esta primeira xornada para realizar un amplo percorrido polos expositores das principais empresas galegas acompañado polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas. Así, o responsable autonómico situou esta feira como un escaparate único onde amosar o liderado internacional das empresas pesqueiras do conxelado baseado na transformación tecnolóxica, a experiencia acumulada e na sustentabilidade na utilización dos recursos mariños. Un bo facer que se ve reflectido nos seus produtos de excelente calidade e na súa constante adaptación ás necesidades e exixencias dos consumidores.

O responsable autonómico resaltou as boas cifras rexistradas de participación nesta nova edición con máis de 750 expositores de 46 países con novas incorporacións como Sudáfrica, México, Polonia, Indonesia ou Namibia, entre outros. Números que que resaltan unha a traxectoria de éxito e que permite pensar que a feira Conxemar non tocou teito, suscitando cada ano maior interese por parte de empresas procedentes dun maior número de países interesadas en contar con presenza na principal cita da pesca conxelada no mundo.

Nesta liña manifestou o seu optimismo porque se superen os 619 millóns de euros en acordos comerciais rexistrados no 2023, o que supón o 6% do total da facturación de todo o sector a nivel estatal segundo se recolle no informe Ardán. Cifras récord que só se poden comprender pola gran afluencia de visitantes -preto de 27.000- orixinarios de 110 países o que obrigou este ano a ampliar a superficie expositiva ata os 37.000 metros cadrados.

As grandes do sector

Entre as empresas visitadas estiveron as empresas máis importantes do sector por facturación, todas elas con acento galego, como o Grupo Nova Pescanova que rexistrou unha facturación de 970 millóns de euros grazas a súa ampla frota de máis de 60 buques, as súas 17 plantas de transformación repartidas en catro continentes e as 7.000 hectáreas dedicas á acuicultura. A seguinte no top 3 é o Grupo Profand  cunha facturación de 930 millóns de euros e por último Iberconsa con 475 millóns de euros.

Ademais, Alfonso Villares tamén recalou nos expositores doutros dos piares do músculo pesqueiro galego como Pescapuerta, Congalsa, Wofco e Grupo Pereira. Así, o responsable autonómico manifestou que todas elas reflicten de xeito excepcional a dimensión internacional do conxunto da cadea mar-industria e a súa capacidade de resilencia a contextos complexos como os vividos nos últimos anos no ámbito económico e xeopolítico. Neste ámbito, puxo en valor a importante contribución do conxunto do sector ao progreso de Galicia aportando riqueza e emprego de calidade na comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2024