En Conxemar, no marco da celebración da 25 edición desta Feira Internacional que acolle a cidade olívica ata mañá

Alfonso Villares asiste ao terceiro acto de despece de peixe espada que Interfish realiza en directo e visita os expositores das empresas galegas

O conselleiro aproveitou o encontro para afianzar a colaboración existente entre a Consellería e dita entidade para seguir traballando na valorización dos produtos do mar galego, como despensa de excelente calidade

Ángeles Vázquez traslada o apoio da Xunta ao complexo mar-industria a través de ferramentas como a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral co fin de blindar o desenvolvemento económico de Galicia e das zonas costeiras

A frota de palangre galega, na que se atopa esta especie, é un arte moi selectivo, que alcanza un elevado valor comercial e está formada por 124 buques nos que faenan máis de 1.000 persoas

Vigo, 2 de outubro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou o expositor de Interfish no marco da 25 Feira Internacional de Conxemar, que se desenvolve ata mañá na cidade olívica, e no que a entidade realizou o seu terceiro acto de despece de peixe espada. A primeira, foi en 2023 na mesma cita e, a segunda, no Salón Gourmets de Madrid, celebrado en abril deste ano. 

Deste xeito, o responsable autonómico comprobou in situ este proceso no que a peza despezada alcanzou os 100 quilos. Interfish está especializada nos pescados de palangre de superficie, como é o caso do peixe espada, a quenlla e o marraxo; tres especies que contan cun gran interese biolóxico, económico e gastronómico.

No transcurso do encontro, Villares aproveitou a oportunidade para afianzar a relación existente con dita entidade, pois, ao igual que o Goberno galego, Interfish comparte unha firme aposta pola defensa dos intereses económicos, sociais e medioambientais do sector marítimo-pesqueiro. Proba delo é que este mesmo ano asinaron un convenio, co fin de coordinar accións de promoción dos produtos pesqueiros e a mellora da súa comercialización polas especies que a integran e da que forman parte as OPPs palangreiras (Orpagu, Opnapa, Opromar e a OPP Burela), ademais da industria transformadora, a través de Conxemar.

O titular de Mar cualificou, por tanto, o encontro de necesario, definindo a colaboración público-privada como esencial para impulsar a valorización dos produtos do mar galego, que son unha despensa de excelente calidade, obtidos de forma responsable, sostible e coa máxima garantía de seguridade alimentaria. Ademais continuou coas visitas aos diferentes expositores das empresas do sector presentes no stand da Consellería do Mar ou con espazos propios como entre as que se atopan Rosa dos Ventos, Portosin Fiss ou Pescados Rubén.

Mentres, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou algunhas das empresas galegas do complexo mar-industria presentes na feira e trasladoulles o apoio e o compromiso da Xunta co seu futuro. Nesta liña, destacou que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral será unha ferramenta clave para blindar a actividade destas compañías, que son fundamentais para o desenvolvemento económico de Galicia e das zonas costeiras. 

O Executivo autonómico salienta a importancia de impulsar unha industria que se caracteriza polo seu compromiso co medio ambiente, coa protección dos ecosistemas, coa eficiencia enerxética e coa adaptación ao cambio climático. De feito, hai numerosas empresas do sector marítimo-pesqueiro adheridas á Alianza Galega polo Clima -ao igual que a propia Conxemar-, o que demostra a súa vontade de avanzar nun crecemento sostible que garanta o coidado do medio natural, un exercicio de responsabilidade que agradeceu a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Frota de palangre galega

A frota de palangre galega é un arte moi selectivo cuxas capturas se asocian a altos estándares de calidade e que non danan os exemplares, alcanzado así un elevado valor comercial. Esta actividade de superficie, que faena no caladoiro nacional, está composta por 50 embarcacións -o 12% da frota total-. Inclúe a máis de 490 profesionais por conta allea e propia -o 5,3%-. En augas internacionais o número de navíos ascende a 74 -o 71,8%-, no que traballan máis de 520 persoas -o 51,9%-. E, en Galicia, existen 124 buques -o 3% da frota-. Nestes faenan máis de 1.000 traballadores -o 8,8% do total-.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/10/2024