O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, saudou ás persoas que participan nesta xuntanza

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia coñece experiencias de participación nacionais e internacionais

A Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia Panxón acolle esta fin de semana este primeiro encontro

Nigrán (Pontevedra), 5 de outubro de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, saudou hoxe os participantes no I Encontro Interno do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, que se está a celebrar esta fin de semana na Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia en Panxón. Ademais de coñecer o traballo que se está a facer desde outros órganos de participación nacionais e internacionais, os asistentes a este encontro desfrutan de actividades de ocio como bautismos de surf, teatro ou xincana de xogos, entre outros.

Jacobo Rey lembrou que Galicia conta co seu propio Consello de Infancia e Adolescencia desde abril do ano pasado. Coa súa creación, o Executivo autonómico responde ao seu compromiso de ofrecer unha canle de participación na que os máis mozos sexan os protagonistas e teñan voz propia para trasladar as súas inquedanzas e propostas. Os integrantes deste Consello Autonómico son rapaces entre os 8 e os 17 anos procedentes dos Consellos locais de participación infantil impulsados por Unicef-Galicia, da Plataforma de Organización da Infancia de Galicia (POIG) e do sistema de protección autonómico.

Así mesmo, o director xeral destacou a importancia deste tipo de encontros para poñer en común propostas e avanzar en planes conxuntos de acción. Na xornada de hoxe tiveron lugar varias charlas a cargo de representantes de Unicef, do Consello Estatal de Participación Infantil e Adolescencia e da Organización Internacional para la Participación de la Infancia y de la Adolescencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2024