O delegado territorial entrega os carnés a 16 efectivos da Protección Civil
O acto involucrou ás agrupacións de Bueu, Cuntis, Tui e Vilagarcía de Arousa
Reguera destacou o traballo incansable e desinteresado da Protección Civil
Pontevedra, 7 de outubro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presidiu esta mañá o acto de entrega e renovación de carnés a varios efectivos da Protección Civil.
O acto tivo lugar no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra e nel entregáronse 16 carnés a efectivos das agrupacións de Bueu (1), Cuntis (1), Tui (6) e Vilagarcía de Arousa (8).
O delegado territorial aproveitou o acto para agradecer o “traballo desinteresado que levan a cabo todos os efectivos da Protección Civil de Galicia” e asegurou que a súa función é “indispensable en moitos concellos onde son a primeira liña de axuda, tanto na coordinación de eventos como nas emerxencias”.
Reguera rematou o acto destacando a “profesionalidade que demostraron, unha vez máis, todas as agrupacións de Protección Civil durante os eventos e acontecementos deste verán”.