A Xunta reúnese coa asociación Aspas para avaliar propostas que melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual

 A directora xeral de Persoas con Discapacidade reuniuse coa dirección da asociación Aspas para escoitar as súas demandas

O novo concerto social entre a Xunta e a entidade eleva as achegas por parte do Executivo a 2,7 millóns de euros anuais

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta tarde ás instalación da asociación Aspas (Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual) en Compostela para coñecer de preto o traballo que realiza a entidade e escoitar as súas demandas.

Durante o encontro, a directora reuniuse con membros da entidade para analizar as propostas de futuro da asociación e trasladoulles o compromiso do Executivo para seguir traballando na mellora da atención as persoas con discapacidade intelectual. 

Begoña Abeijón salientou que no último ano a Xunta ampliou as achegas destinadas aos colectivos do terceiro sector co obxectivo de dar resposta ás necesidades das persoas con discapacidade e as súas familias. Neste senso, a directora xeral lembrou que a Xunta colaborou con máis de medio millón de euros na ampliación da residencia e o centro de día que posúe Aspas en Santiago. 

Así mesmo, neste último ano grazas ao concerto social asinado entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a asociación Aspas, as achegas por parte do Executivo pasan a ser de 2,7 millóns de euros anuais polas 131 prazas desta entidade en Galicia.

Data de actualización: 09/10/2024