A Xunta destaca o labor dos espazos de preservación familiar para os menores en risco na inauguración dun novo local en Ferrol

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica participou na inauguración dun novo espazo de preservación familiar da Xunta de Galicia en Ferrol que se suma os do Salnés e Barbanza

Ferrol, 10 de outubro de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, estivo esta mañá presente na inauguración dun novo espazo de preservación familiar da Xunta en Ferrol.  Este é o terceiro centro destas características destinado á infancia e adolescencia que abre as súas portas en Galicia.

Estes espazos ofrecen unha atención integral de apoio psicolóxico, social e educativo para os menores e familias en situación vulnerable. Trátase dun recurso financiado exclusivamente pola Xunta de Galicia, de balde para as familias e xestionado por dúas entidades do ámbito social: Fundación Meniños e Arela.

Jacobo Rey salientou o labor que realizan dende estes centros para axudar e orientar aos máis novos e ao seu entorno fronte a situacións de desprotección e no que contan con axuda e asesoramento de expertos en psicoloxía, pedagoxía, integración social e mesmo educadores.

Así mesmo, o director xeral fixo fincapé na importancia destes centros de preservación familiar que supoñen o primeiro paso de actuación na dinámica familiar antes de que a situación sexa máis grave e poder evitar a adopción doutras medidas de protección.

Nestes momentos, Galicia xa conta con outros dous centros destas características nas comarcas do Barbanza e do Salnés, aos que agora se suma o espazo de Ferrol que dará servizo a toda a contorna de Ferrolterra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2024