O conselleiro do Mar participa na presentación do último libro de Santi Llovo “A salga en Cee e Dumbría”
Cee (A Coruña), 10 de outubro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou na presentación do último libro de Santi Llovo, “A salga en Cee e Dumbría”. Trátase dunha obra que, en palabras do responsable autonómico da carteira de Mar, axuda a construír Galicia en todas as súas vertentes.
A publicación versa sobre o mar, as súas xentes e os seus costumes. Emprázase nas vilas mariñeiras destas dúas localidades, nas que a salga eran centros de actividade empresarial e familiar. Supón, por tanto, un aposta pola defensa, valor e visibilidade do patrimonio histórico mariñeiro pre-industrial desenvolvido ao redor das fábricas da sardiña destes dous concellos da comarca de Fisterra.
Segundo destacou Villares, Santi Llovo recolle con gran mestría este material que permanecía agochado nos arquivos públicos, e fíxoo coa vista posta en preservar para as xeracións futuras as lembranzas dos maiores, poñendo nome e apelidos a cada unha das pedras relacionadas coa etnografía industrial desta actividade espallada pola beiramar desta zona do litoral galego.
Supón unha obra de investigación excepcional baseada na memoria colectiva da contorna desta comarca. Neste territorio houbo ata 20 grandes fábricas de sardiña e un número indeterminado doutras máis pequenas. De todas elas quedan moi poucos vestixios, de aí a importancia deste traballo para recuperar a memoria desta importante actividade: orixes, propietarios, embarcacións mercantes asociadas, infraestruturas de apoio ou produtos comercializados.