A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o Hotel Balneario Compostela

Fabiola García destaca que 1.235 maiores desfrutan xa do programa Benestar en Balnearios, co que a Xunta aposta por un envellecemento activo e saudable

A conselleira avanza que o Goberno galego continúa a mellorar esta iniciativa tan valorada polas persoas maiores e que “ano a ano, esgota todas as prazas dispoñibles”

Neste 2024, como novidade, aumentaron as quendas ofertadas e incluíronse os meses de verán, de xeito que aquelas persoas que así o desexen poidan desfrutar deste programa desde o mes de xullo ata decembro

Brión (A Coruña), 12 de outubro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o Hotel Balneario Compostela, un dos establecementos que participan na décima edición do programa Benestar en Balnearios da Xunta de Galicia. Durante o encontro, sinalou que mediante esta iniciativa un total de 1.235 maiores de 60 anos contan xa con descontos para acudir a 15 espazos termais repartidos por toda a xeografía galega.

A conselleira destacou o éxito do programa Benestar en Balnearios, que permite ofrecer uns días de descanso ás persoas maiores para que coñezan Galicia e teñan tempo para coidarse a si mesmos. Este programa conta cunha ampla traxectoria na nosa Comunidade e súmase a aqueles programas que o Goberno galego impulsa para unha nova xeración de maiores que entende a xubilación como un etapa para desfrutar, emprender novos proxectos, estudiar ou viaxar.

Fabiola García lembrou que o Goberno galego inviste este ano 300.000 euros neste programa, un 9% máis que na edición anterior. Con este aumento elévase achega que a Administración autonómica fai a cada participante, financiando nesta convocatoria un máximo do 45% do coste total da súa estadía, que será de 10 días e 9 noites a pensión completa. O obxectivo, engadiu, é promover os beneficios da terapia termal como parte da aposta da Xunta polo envellecemento activo.

Este ano, como novidade, aumentaron as quendas e incluíronse nelas os meses de verán, de maneira que aquelas persoas que así o desexen poidan desfrutar deste programa desde o mes de xullo ata decembro.

A conselleira avanzou que o Goberno galego continúa a mellorar esta iniciativa tan valorada polas persoas maiores e que “ano a ano, esgota todas as prazas dispoñibles”. Un programa co que, incidiu, cómprese un dobre obxectivo: mellorar a calidade de vida das persoas maiores ao fomentar unha vida activa e saudable, as relacións sociais e o autocoidado; e apostar por un sector no que Galicia é pioneira en España e en Europa.

Data de actualización: 12/10/2024