A conselleira de Política Social e Igualdade visitou as instalacións do centro residencial do Castiñeiriño construído pola Fundación Amancio Ortega

Fabiola García destaca que a nova residencia de maiores pública autonómica do Castiñeiriño está a pleno rendemento

A Fundación Amancio Ortega financia a construción e o equipamento de sete centros en cada unha das sete cidades galegas

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá durante unha visita á nova residencia de maiores pública autonómica situada no Castiñeiriño que o centro residencial xa traballa nestes momentos a pleno rendemento.

Esta residencia, dispón de 120 prazas, é un dos sete centros que a Fundación Amancio Ortega constrúe e equipa nas sete cidades galegas. Nestes momentos están operativas as de Santiago de Compostela e Lugo e, proximamente, está prevista a entrega do centro de Pontevedra.

Durante a súa visita, a conselleira de Política Social e Igualdade puido ver o funcionamento das zonas de atención especializada, as salas de terapias e podoloxía, de peiteado e o comedor. Tal e como lembrou Fabiola García, a Fundación Amancio Ortega investiu 25 millóns de euros na construción e equipamento deste centro, no que a Xunta de Galicia foi a encargada de urbanizar a parcela e contorna do complexo. Para este fin, o Executivo galego destinou unha partida orzamentaria de 400.000 euros. 

Ademais da residencia de Santiago, a Fundación Amancio Ortega constrúe un centro residencial destas características en cada unha das sete cidades galegas, tal e como acordou coa Xunta de Galicia nun convenio asinado no ano 2019. Deste xeito, os sete complexos suman case 1.000 novas prazas públicas que se suman ás máis de 15.000 que posúe nestes momentos a Administración autonómica, o triplo que no 2009.

Compromiso do Goberno galego cos maiores

A Xunta de Galicia ten como unha prioridade de Goberno a atención e coidado dos maiores, por iso mesmo traballa para seguir incrementando os servizos e prazas públicas en centros autonómicos.  Así mesmo, a consellería de Política Social e Igualdade impulsa novos recursos nas zonas máis rurais e despoboadas de Galicia como son as casas do maior. O obxectivo da Xunta é que a finais deste ano o número de instalacións desta tipoloxía superen os 140.

Data de actualización: 12/10/2024