Aberto o prazo de inscrición para o IV Encontro CIBER.gal, que se celebrará os días 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura
O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal organiza a cuarta edición deste evento que ofrece paneis, conferencias e talleres con contidos para as administracións públicas, a cidadanía e o tecido empresarial
Entre as novidades deste ano están as demostracións de servizos, solucións e produtos que realizarán algunhas das entidades que apoian o encontro
Contará coa intervención de profesionais como Chema Alonso e actividades como obras de teatro, competicións ou a experiencia road show do Incibe
Una ano máis CIBER.gal organiza o concurso Ciberseguridade no cole! que rexistrou un novo récord de participación con máis de 7.400 escolares inscritos
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024
Xa está aberto o prazo de inscrición da IV edición do Encontro Galego de Ciberseguridade. CIBER.gal, que terá lugar os días 6 e 7 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Consolidado xa como un evento de referencia para o sector, CIBER.gal reunirá a expertos, empresas nacionais e internacionais, entidades locais e á cidadanía, para abordar os retos e oportunidades da seguridade no entorno dixital.
As dúas xornadas poderán seguirse de xeito presencial ou en streaming previa inscrición neste enlace, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo. Organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa colaboración do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a cuarta edición de CIBER.gal ofrecerá talleres, conferencias, paneis de debate, representacións teatrais e concursos de ciberseguridade organizados en tres bloques dirixidos ás administracións públicas, á cidadanía e ao tecido produtivo. Os interesados en asistir poden inscribirse nun ou máis bloques.
Unha das novidades que incorpora este ano CIBER.gal é a realización de demostracións de produtos, servizos ou solucións de ciberseguridade por parte dalgunhas das entidades que apoian o evento e que se realizarán de xeito paralelo ao programa principal.
Entre outros profesionais, o encontro contará coa participación do experto en ciberseguridade Chema Alonso, así como de representantes dos socios fundadores do Nodo. Entre eles está o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que traerá á Cidade da Cultura a experiencia road show e un expositor de ciberseguridade adaptado a todos os públicos e que estarán abertos ata o día 8 de novembro. Ademais, David Amor achegarase en clave de humor á ciberseguridade cun monólogo.
Un ano máis CIBER.gal contará coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia coa posta en escena da obra Hixiénico, na que se exporán as consecuencias do cyberbulling. Tamén contará de novo coa colaboración dos coordinadores dos centros de FP de Galicia que realizarán catro talleres prácticos de ciberseguridade.
Ademais, celebrarase unha nova edición da competición Capture the Flag, patrocinada por Gradiant e habilitaranse os Espazos Técnicos de Exposición, nos que estudantes do ámbito da ciberseguridade e profesionais deste eido expoñen, de forma breve, proxectos, ideas, traballos e iniciativas en ciberseguridade. O programa completo do evento está dispoñible no portal de Ciberseguridadegalicia.gal
Récord de inscritos en Ciberseguridade no cole!
Da man de CIBER.gal chega, tamén, unha nova edición do concurso escolar Ciberseguridade no cole!, que este ano rexistrou un novo récord de inscricións achegándose aos case 7.400 escolares de 4º e 5º de Primaria e 1º e 2º da ESO de centros educativos de Galicia.
Como en anteriores edicións, o concurso, patrocinado por Telefónica, contará cunha fase en liña que remata hoxe, 15 de outubro, na que se clasificarán os equipos que participarán na final, que terá lugar nun acto que se celebrará o 7 de novembro na Cidade da Cultura e que presentará Esther Estévez.
Apoios
A cuarta edición de CIBER.gal conta co apio dunha vintena de entidades patrocinadoras, entre as que destacan como patrocinadores VIP Gradiant e Telefónica e como patrocinadores estratéxicos Deloitte, Abanca, Proofpoint, SIA, Crowdstrike e Check Point.