A Xunta destina 263,2 M€ para o Concello de Pontevedra, dos cales preto de 97 M€ corresponden a uns investimentos históricos
O delegado territorial, Agustín Reguera, informa das contas para a cidade, que inclúen unha importante partida para construción de vivenda pública, ademais da obra do novo Hospital Montecelo,a aposta pola vivenda pública, as obras na residencia de Campolongo, ou a dragaxe de Lérez
O total dedicado á provincia de Pontevedra supera os 4.077 millóns de euros, o que supón preto de 4.300 euros por habitante
”Trátase duns orzamentos históricos que reafirman a aposta da Xunta pola política de vivenda, polos servizos sociais e pola educación pública e de calidade”
Pontevedra, 19 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia vén de destinar 263,2 millóns de euros para o Concello de Pontevedra no proxecto de Orzamentos 2025, segundo revelou hoxe o delegado territorial, Agustín Reguera, acompañado polo secretario territorial, Ramón Pereiro, e a directora territorial da consellería de Presidencia, Blanca García-Señoráns.
O delegado lembrou as “múltiples obras e iniciativas” levadas a cabo con éxito durante o presente exercicio e sinalou algunhas das principais actuacións previstas nestes orzamentos.
Así, de entre os principais investimentos que se levarán a cabo no concello de Pontevedra e que suman máis de 97 M€, destacan: A partida para a obra do novo Hospital Montecelo, que contará cun investimento de 41,2 M€ de euros, aos que se lle sumarán outros 30 M€ en equipamento; a vivenda pública ten un importante papel nestes orzamentos cunha partida de 9,36 M€ e 680.000 € para a adquisición do solo; tamén os traballos de dragaxe do río Lérez, que contarán cun orzamento de 3,6 M€; a reforma do IES Valle-Inclán, con 2 M€; a continuación da obra da senda Mollabao-Praceres, que vai nunha partida conxunta coa actuación na Senda Vigo-Ramaiosa e que suma 3,27 M€; a mellora das instalacións da residencia de Campolongo, 1,5 M€; o Pazo de Lourizán, 1,4 M€; a mellora do edificio administrativo da Xunta, 1 M€; a ampliación do EEI Crespo Rivas, 800.000 €; a reforma do CEIP Froebel, 650.000€; as obras de conservación do convento de Santa Clara, da Basílica de Santa María e da igrexa Virxe da Peregrina, cun investimento de 1,5 M€, 560.000€ e 300.000€ respectivamente; as obras de eficiencia enerxética no CIFP Carlos Oroza, 292.000€; a Variante de Alba, 250.000€; a mellora do Polígono do Campiño, 177.000€; e a remodelación dos Xulgados da Parda, 123.000 euros.
Reguera aproveitou a comparecencia para salientar a importancia da política de vivenda nos orzamentos presentados. O delegado lembrou que “xa existen múltiples proxectos que se están a levar a cabo en Pontevedra nos que este ano poderemos ver avances significativos”
Máis alá dos investimentos nomeados, os orzamentos do ano 2025 contemplan unha gran cantidade de pequenas actuacións, así como a prestación de servizos aos que a cidadanía xa está habituada. Nomeadamente as axudas para o alugamento, os bonos e programas de transportes ou a gratuidade da educación dende os 0 anos ata a titulación universitaria.
“Os principais investimentos, por singularidade roldan os 97 millóns de euros, pero as contas da Xunta tamén contemplan para Pontevedra outros investimentos que son igualmente importantes para todos os veciños e veciñas deste concello e que son imprescindibles para manter a calidade de vida da que todos gozamos en Galicia”, explicou o delegado.
Actuacións na área de influencia
Por outra banda, Agustín Reguera tamén concretou os principais investimentos para a área de influencia de Pontevedra.
En Bueu destaca o remate da obra “BIC Ons: restauración paisaxística de obras e infraestruturas ou sinalización dixital” que conta cunha achega de 1,8 M€. Tamén a nova depuradora de Ons, para a que están reservados preto de 590.000€.
No concello de Caldas de Reis, a obra no IES Aquis Celenis contará cun investimento de 5 M€, mentres que a mellora da eficiencia enerxética dos xulgados terá un orzamento de preto de 400.000 €.
En Marín a remodelación da residencia de maiores contará contará cunha achega de 1,2 M€; a rehabilitación do CEIP Seixo e as obras no CEIP Sequelo, 900.000 e 200.000 € respectivamente; ademais hai gardada unha achega de 750.000 € para o Plan Hurbe.
En Poio destacan a obra do CIFP Canteira, con 600.000 euros e a mellora do firme no porto de Combarro, con 105.000 €.
Os concellos de Cerdedo-Cotobade (no que tamén se realizarán obras de saneamento) e A Lama partillan un importante investimento de 2 M€ na PO-235. Tamén varios concellos do Morrazo teñen contan cunha previsión de mellora de estradas por valor de 500.000 euros.
Por último, cabe destacar os 14 M€ que a Xunta investirá no saneamento e depuración da ría de Pontevedra.