O delegado territorial da Xunta en Ourense participa no acto de recoñecemento de fronteiras e convivencia entre o concello de Lobios e as cámaras municipais lindeiras de Portugal

O delegado territorial da Xunta en Ourense explicou que se trata dun acto protocolario que ademais, de servir encontro periódico, afianza a relación iniciada polos concellos, no Tratado de Límites de Fronteira, datado o 29 de setembro de 1864

Na reunión abordáronse cuestións como as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial, o estado das comunicacións por estrada que une ambos os países, así como definir posibles presentacións a convocatorias de proxectos europeos sobre temas que comparten ambos os territorios

Ourense, 21 de outubro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá en Lobios no acto de recoñecemento de fronteiras e convivencia entre o devandito municipio e as Cámaras Municipais lindeiras de Portugal: Arcos de Valdevez, Ponte da Barca, Montalegre, e Terras de Bouro.

O delegado territorial explicou que este acto realízase anualmente, unha vez na parte portuguesa e ao seguinte, na española. Neste ocasión correspondeulle organizalo ao Concello de Lobios. Trátase da confirmación do recoñecemento actual dos límites fronteirizos. É un acto protocolario que ademais, de servir encontro periódico, afianza a relación iniciada polos concellos, no Tratado de Límites de Fronteira, datado o 29 de setembro de 1864.

No encontro, no que tamén participa a Deputación Provincial, a parte española e a portuguesa formalizan o cumprimento e estado das relacións entre os territorios transfronteirizos.

Na reunión abordáronse cuestións como as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT), o estado das comunicacións por estrada que une ambos os países, así como definir posibles presentacións a convocatorias de proxectos europeos sobre temas que comparten ambos os territorios.

Este tipo de celebracións permiten confraternizar e afrontar de maneira compartida os problemas que son análogos a ambas as partes da “raia” para tomar en común accións que melloren a contorna común.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2024