A Xunta aposta por garantir o acceso á xustiza ás persoas con discapacidade
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón participaron esta tarde na constitución do Foro Galicia de Discapacidade
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2024
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participaron esta tarde na constitución do Foro Galicia de Discapacidade, un novo organismo creado co obxectivo de avaliar a situación actual de protección dos dereitos das persoas con discapacidade e das persoas maiores vulnerables. Deste xeito, preténdese avanzar no estudo das aplicacións das normas que lles afecta e mesmo as posibles necesidades de reforma lexislativa. Ademais, o foro busca reforzar a formación dos profesionais que interveñen na protección das persoas usuarias.
No que se refire ao ámbito da xustiza, a Xunta xa conta con varias medidas para garantir a accesibilidade das persoas con discapacidade a este servizo en igualdade de condicións. O director xeral de Xustiza puxo como exemplo o convenio coa Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia) para apoiar o proxecto de adaptación de documentos xudiciais a lectura fácil. O obxectivo é mellorar o acceso á xustiza das persoas con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e con dificultades de comprensión lectora. Así mesmo, a Consellería de Política Social e Igualdade conta cun servizo de facilitadores procesuales que actúan ante determinados casos de solicitude de medidas de apoio.