A Xunta enxalza o traballo que realiza o centro Príncipe Felipe na protección da infancia e adolescencia
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica visitou as instalacións do centro e coñeceu o traballo que levan a cabo diariamente cos menores
Pontevedra, 24 de outubro de 2024
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou o centro Príncipe Felipe que está orientado á protección da infancia e á acollida residencial de menores que se atopan baixo o sistema de protección da Xunta de Galicia.
Este centro dispón de 89 prazas de acollemento residencial e de atención diúrna financiadas pola Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra, que exerce a administración do centro. Este recurso conta cunha ampla experiencia na atención de nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade.
Ademais de coñecer o traballo que se realiza diariamente nas instalacións, o director xeral mantivo un encontro coa deputada provincial responsable da área de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, e co resto de equipo directivo do centro, ao que lle trasladou o seu agradecemento polo traballo realizado ao longo de medio século.