O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude reuniuse cos partidos representados no Parlamento galego para iniciar o proceso de diálogo a prol dun Pacto pola Lingua

A Xunta creará antes de que remate o ano os grupos de traballo para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

López Campos empraza ás formacións políticas a un novo encontro o vindeiro mes para continuar as conversas co horizonte posto en acadar novas liñas de actuación

Destaca que “estamos ante unha oportunidade única de darlle pulo ao uso social do galego entre todos, tendo en conta que o nivel de competencias é moi alto”

Incide na necesidade “de trasladar á cidadanía un debate cordial, que non sitúe a lingua nun marco impositivo”

Anuncia tamén para novembro consultas co Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, que continuarán despois coa Administración xeral, a Fegamp e as universidades

O Goberno galego estima un cronograma de 15 meses para continuar coas conversas e chegar a un acordo

Santiago de Compostela, 24 de outubro 2024

A Xunta creará antes de que remate o ano as mesas de traballo nas que se trazarán as liñas de actuación para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tras a rolda de contactos que mantivo, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, cos distintos grupos con representación parlamentaria no que foi o inicio dun proceso de diálogo para acadar un Pacto pola Lingua. Neste senso, lembrou que desde “a mesma creación desta Consellería avogamos por impulsar con máis forza o uso do galego, como ben vai indicado no seu nome, propoñendo, desde o primeiro momento, un consenso político que traslade á sociedade un clima de cordialidade e unión a favor da lingua”.

Así, o representante da Xunta, que comezou a xornada cun primeiro contacto co presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, explicou que, ademais de emprazar ás distintas formacións coas que hoxe se reuniu a un novo encontro o vindeiro mes para continuar traballando, tamén manterá as primeiras conversas coas distintas entidades que participarán no proceso. Deste xeito, para novembro fixarase unha xuntanza co Consello da Cultura Galega e coa Real Academia Galega, á que seguirán outras coa Administración xeral, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as universidades. Con estes movementos, o Goberno galego agarda que nun prazo de 15 meses se poida ter completado o proceso de traballo.

López Campos afirmou que este proceso de diálogo chega no momento adecuado, xa que tal e como apuntou, ”estamos ante unha oportunidade única porque temos unha radiografía actualizada da situación do galego que debemos utilizar para sacar as nosas fortalezas”, sinalou antes de referirse ao “alto nivel de comprensión e de competencias lectoescritoras na nosa lingua”. Ademais, puntualizou, da enquisa do Instituto Galego de Estatística, que analiza moi diversos parámetros, “podemos extraer outros aspectos sociais que teñen repercusión no uso e na percepción do galego, como así o fixemos, por exemplo, tendo en conta que Galicia nos últimos anos converteuse en destino de miles de persoas chegadas do exterior, algo que non era tan habitual aquí en comparación con outras Comunidades históricas”.

Neste marco, o responsable autonómico da Lingua, que agradeceu “o ton amable” no que se desenvolveron as conversas, trasladoulles aos seus interlocutores unha serie de propostas que se sustentan “na necesidade de prestixiar o uso social do galego, tendo en conta, tal como nos indican os datos, que non estamos ante un problema de descoñecemento”. Así, convidou aos grupos a “non instalarse nun modelo impositivo que teña un efecto contrario ao que todos queremos, de maneira que a poboación perciba que ten liberdade de elección e que o galego é unha opción de gran valor, non unha obriga”.

Nesta liña, o conselleiro resaltou que “pensamos que a mellor maneira de incentivar o agrado pola nosa fala é afastarnos da crenza de que estamos en loita pola supervivencia da lingua”. Neste senso, apostou por “situarnos no que realmente estamos, nun escenario de convivencia entre linguas no que, entre todos, debemos ser quen de outorgarlle ao galego o prestixio que se merece”. Un prestixio, dixo, “que non debe pasar pola necesidade de confrontalo negativamente con outros idiomas, porque caer niso si que non o merece”.

A folla de ruta

O Goberno galego presentou un documento de traballo, a partir do que se irá desenvolvendo a folla de ruta coas achegas dos grupos parlamentarios e entidades implicadas, co obxectivo de desembocar nuns 15 meses nun Pacto pola Lingua e, a continuación, nunha actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Neste documento, que toma como base a Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias, inclúense as accións do Plan de impulso do galego que van principalmente en tres direccións e que se interelacionan entre si: o eido dixital, as persoas chegadas do exterior e o neofalantismo. Todas elas, ademais, inciden de maneira especial na mocidade, a encargada de continuar prestixiando o galego.

Así, para as persoas chegadas do exterior, que supoñen potenciais galegofalantes, poñeranse en marcha o ano que vén máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas, ademais de grupos de voluntariado lingüístico para organizar conversas e propostas de traballo colaborativo coas asociacións de distintas comunidades asentadas en Galicia. Ademais, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude preténdese seguir impulsando o fenómeno do neofalantismo ofrecéndolles máis ferramentas a esas persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra.

Así, en colaboración coa Universidade de Santiago, xa se puxeron en marcha novos recursos no portal neofalantes.gal que pasou a funcionar, ademais de como punto informativo, como unha rede social para dar testemuños e compartir experiencias sobre o proceso. A iso sumaranse outras iniciativas como a creación dun espazo de lecer a modo de repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego.

No eido dixital tamén segue adiante o Proxecto Nós, unha das propostas máis ambiciosas a prol do galego que avanza para situar a lingua nun medio esencial hoxe en día, de maneira que estea presente en todas as plataformas tecnolóxicas. E é precisamente neste ámbito dixital, como espazo onde se relaciona a xuventude, onde se centran as accións destinadas a este grupo de poboación creando vínculos entre a lingua e as novas xeracións a través da posta en marcha de novos produtos tecnolóxicos para público infantil e xuvenil.

Todo isto afianzado coa campaña de dinamización Saca a lingua que levas dentro, lanzada a principios de mes co obxectivo de animar, máis alá de coñecela, a usar a lingua galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2024