A Xunta aplaude o labor dos axentes sociais para reforzar a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade intelectual
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica participou no 22º Encontro de persoas autoxestoras que organiza Fademga Plena Inclusión Galicia
Jacobo Rey trasladoulles o firme compromiso do Executivo Galego no apoio as persoas discapacitadas e aos membros da súa contorna
Teo (A Coruña), 25 de outubro de 2024
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na inauguración do 22º Encontro de persoas autoxestoras que organiza cada ano Fademga Plena Inclusión Galicia. Nesta xornada participan persoas con discapacidade intelectual de toda a Comunidade para tratar diferentes asuntos de interese e expoñer as súas inquedanzas.
Os autoxestores son grupos de persoas con discapacidade intelectual que se organizan en grupos para atender ás necesidades do colectivo e darlle visibilidade. Neste encontro, en concreto, organizáronse relatorios sobre a participación en entidades ou orientación sobre o seu futuro laboral. Ademais, ao longo do día realízanse obradoiros sobre avellentamento, seguridade nas redes sociais ou o benestar emocional.
Neste senso, Jacobo Rey destacou o importante labor das asociacións e organizacións que están ao carón das persoas con discapacidade e son parte activa no seu día a día. Así, fixo fincapé na importancia de seguir impulsando a súa inclusión e salientou que na última década se duplicou o número de persoas con discapacidade ocupadas. Ademais, o director xeral trasladoulles o firme compromiso da Xunta de Galicia de seguir apoiando ás persoas afectadas e aos seus achegados para mellorar a súa autonomía e calidade de vida.