A Xunta pon en valor o labor do Centro de atención a persoas con discapacidade de Sarria no seu 30 aniversario
O delegado territorial, Javier Arias, sumouse á xornada de convivencia cos usuarios e as familias, que contou con animación musical, un espectáculo de maxia e unha exposición do traballo que fan os residentes nas aulas e talleres do CAPD
Sarria (Lugo), 25 de outubro de 2024
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, sumouse hoxe á celebración do 30 aniversario do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria, onde felicitou ao conxunto dos traballadores por implicarse día a día para prestar a mellor atención aos usuarios.
Arias participou na xornada de convivencia xunto co director, Luis Pardo, os residentes e as familias. O programa incluíu a gala musical Ti si que vales, con actuacións dos propios usuarios; o espectáculo do mago Lolo; animación a cargo dun DJ e unha exhibición de fotografías das actividades e excursións realizadas durante todo o ano. Tamén hai unha mostra permanente de traballos elaborados polos residentes. Así mesmo, o delegado visitou unha exposición de Hospitaleiros sen Fronteiras.
O CAPD de Sarria, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade, conta con 182 profesionais e 120 prazas. Presta un servizo integral, dende os coidados básicos ata atención sanitaria, fisioterapia, terapia ocupacional e formación nas súas aulas e talleres.
Entre as últimas melloras implantadas, destaca a aposta pola introdución das novas tecnoloxías nas aulas, coa incorporación de pizarras dixitais, tablets, gafas de realidade virtual e outro equipamento tecnolóxico que brinda moitas posibilidades aos ususarios para potenciar as súas habilidades.
Así mesmo, neste momento estanse a executar obras de reforma en baños e almacéns, no marco das actuacións que realiza periodicamente a Consellería para actualizar e modernizar as instalacións.