A Xunta aplaude o traballo do grupo teatral Méndez Núñez conformado por persoas con discapacidade intelectual
A directora xeral de Persoas con Discapacidade asistiu á representación da obra teatral ‘A Celestina’
Pontevedra, 30 de outubro de 2024
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu esta tarde á representación da obra teatral A Celestina interpretada polo grupo Méndez Núñez. O elenco de actores desta peza son todas persoas con discapacidade intelectual e son usuarios dos centros que posúe a Asociación Virgen de la O.
Neste sentido, a directora xeral agradeceu o labor diario que realiza a entidade e destacou a implicación do colectivo para que un ano máis o grupo teatral siga en marcha. Deste xeito, Begoña Abeijón salientou a calidade artística dos intérpretes e reivindicou esta obra como un exemplo máis das capacidades artísticas das persoas con discapacidade intelectual.
Begoña Abeijón tamén fixo fincapé na importancia de facilitar a todas as persoas a oportunidade de desenvolver as súas inquedanzas. Ao respecto, referiuse ao teatro como unha ferramenta moi útil de participación e inclusión en todos os ámbitos.