Marta Villaverde sitúa a economía azul como un dos eixos estratéxicos da Consellería do Mar
Valdoviño (A Coruña), 30 de outubro de 2024
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, participou este mércores na xornada “Estratexias para un modelo de desenvolvemento turístico azul e sostible”, promovida polo Grupo de Acción Local Pesqueira (GALP) A Mariña-Ortegal, e que sitúa a economía azul como como unha oportunidade para o sector marítimo-pesqueiro, dende o punto de vista da diversificación económica ante a situación actual que afronta o sector.
Na súa intervención, Villaverde destacou a importancia da temática do encontro, sobre todo, porque a economía azul é un dos eixos estratéxicos da administración autonómica, como así se reflicte no documento orzamentario que o propio conselleiro, Alfonso Villares, expuxo onte no Parlamento de Galicia, e que permitirá mobilizar 247 millóns de euros, destinados ao desenvolvemento e impulso da cadea mar-industria.
A este respecto, a directora xeral confirmou que a Consellería continúa coa elaboración da súa propia estratexia para impulsar a economía azul en Galicia, e que terá en conta, precisamente, a experiencia dos Grupos de Acción Local, ademais doutros casos de éxito, pois Galicia é a primeira potencia pesqueira europea con preto do 50% do emprego no sector en España, así como a décima exportadora mundial de produtos do mar, por diante de países como Xapón ou Islandia.