A Xunta colabora na adquisición dun vehículo eco para a Policía Local de Santa Comba cunha achega de 23.500€

A directora xeral de Administración Local comprobou as prestacións do equipamento adquirido no marco das axudas do Fondo de Compensación Ambiental

Nos últimos anos Santa Comba recibiu máis de 1,6M€ ao abeiro das liñas de apoio da Xunta ao eido local

Santa Comba (A Coruña), 31 de outubro de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Santa Comba para comprobar as prestacións do vehículo policial adquirido ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. A través desta liña de axudas, a Xunta destinou 23.500 euros á nova dotación. Trátase dun turismo híbrido con distintivo ambiental eco adaptado para permitirlle ao corpo de seguridade local realizar de xeito máis eficiente os labores de vixilancia e protección.

Segundo indicou Natalia Prieto, a iniciativa enmárcase nos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, entre os que figuran o impulso á sustentabilidade e á eficiencia enerxética das infraestruturas e equipamentos municipais. Apóstase tamén polas accións dirixidas á conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado, entre outras.

A directora xeral enmarcou o apoio da Xunta nesta adquisición no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos, como o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de infraestruturas de uso municipal e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, ás que se sumou este exercicio a orde plurianual para melloras de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder. O conxunto delas supuxo en 2024 un investimento de 24 millóns de euros para impulsar preto de 700 proxectos municipais.

Natalia Prieto salientou que concretamente Santa Comba, ao abeiro das distintas convocatorias, recibiu nos últimos exercicios máis de 1,6 millóns de euros. As actuacións financiadas centráronse en melloras de vías, do abastecemento ou da eficiencia enerxética, entre outras, así como na contratación de persoal para diferentes funcións. Canto ao Fondo Base de Cooperación Local, só en 2024, a contía destinada a este concello ascendeu a case medio millón de euros.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2024