A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou un convenio de colaboración coa alcaldesa da localidade e co presidente da Deputación de Lugo

A Xunta, o Concello de Viveiro e a Deputación de Lugo destinan 1 M€ a mellorar a contorna do río Fontecova e reducir o risco de inundación no núcleo da Tafona

Ángeles Vázquez salienta que esta actuación, que se desenvolverá nun tramo duns 280 metros de lonxitude, contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza

O Goberno galego, ao tempo que traballa na execución do plan de xestión de risco de inundación 2021-2027, xa iniciou a tramitación de cara á elaboración do correspondente documento para o período 2028-2033

O vindeiro ano a Xunta destinará 12,9 M€ a incrementar a resiliencia hídrica fronte ao cambio climático

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2024

A Xunta de Galicia, o Concello de Viveiro e a Deputación de Lugo destinarán preto de 1 millón de euros a mellorar a contorna do río Fontecova e reducir o risco de inundación no núcleo da Tafona.

O obxectivo do convenio de colaboración asinado hoxe pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a alcaldesa da localidade, María Loureiro, e o presidente da entidade provincial, José Tomé, é mellorar a capacidade hidráulica do leito do río Fontecova nun tramo duns 280 metros de lonxitude pois provoca asolagamentos no núcleo da Tafona, onde se localizan vivendas en ambas marxes da canle fluvial. De feito, tal e como explicou a conselleira, “estes traballos contribuirán a mellorar as condicións de vida da veciñanza”.

Este acordo, que estará vixente ata finais de 2026, conta cun orzamento de máis de 1 millón de euros cofinanciado con fondos da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-NextgenerationEU dos que a Xunta, a través de Augas de Galicia, aportará 600.000 euros e as entidades locais os fondos restantes.

Plan de xestión de risco de inundación

Esta actuación enmárcase no Plan de xestión do risco de inundación (PXRI) da demarcación hidrográfica Galicia-Costa para o período 2021-2027, no que hai identificadas un total de 170 áreas con risco potencial significativo de inundación (Arpsis) fluviais -que suman 548 quilómetros de río- e 28 Arpsis costeiras, cunha lonxitude de 160 quilómetros.

Os plans de xestión do risco de inundación, que se elaboran cada seis anos, son o resultado dun exhaustivo estudo das zonas máis sensibles a episodios de intensas choivas da demarcación Galicia-Costa. Nesa liña, este traballo constante realízase en colaboración coas autoridades de Protección Civil, a Administración Xeral do Estado e outros órganos competentes tanto da comunidade autónoma como da Administración local. De feito, a Xunta, ao tempo que traballa na execución do plan 2021-2027, xa iniciou a tramitación de cara á elaboración do PXRI para o período 2028-2033.

A maiores, cómpre salientar que o Goberno galego mobilizará en 2025 preto de 144 millóns de euros, un 4,7% máis que en 2024, para continuar na mellora das augas das nosas rías e ríos. Dese orzamento, 12,9 millóns de euros destinaranse a incrementar a resiliencia hídrica fronte ao cambio climático con actuacións como a que se levará a través do convenio asinado hoxe.

En Galicia os efectos do cambio climático poden intensificar tanto as secas como as inundacións e condicionar a dispoñibilidade dos recursos hídricos, polo que se requiren accións específicas para dotar a Comunidade dunha resiliencia hídrica adaptada a estes retos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2024