O conselleiro do Mar inaugura a xornada na sede do Cetmar
Villares reclama ao Goberno central e á Comisión Europea a regulación dos produtos Plant Based fronte a etiquetaxe enganosa cos de orixe animal
O responsable autonómico amosa o seu apoio ás demandas do sector pesqueiro e subliña a necesidade de promover unha normativa nacional temporal mentres non exista unha normativa clara a nivel comunitario
Tamén defendeu as excepcionais calidades nutricionais dos produtos pesqueiros e a súa sostibilidade destacando que se trata da maior fonte de proteína con menor pegada de carbono
O evento, que conta co patrocinio da Xunta, aborda a situación actual dos alimentos e bebidas de base vexetal, a súa evolución en España e no conxunto da Unión Europea, así como os aspectos máis relevantes da súa comercialización
Vigo, 5 de novembro de 2024
A cidade de Vigo acolleu a xornada Plan Based. Pespectivas e regulación? organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración coa Confederación ConsumES e Conxemar na sede do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar). O evento, foi inaugurado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que reclamou ao Goberno central e á Comisión Europea que impulsen unha regulación específica para estes produtos para que se poña fin ás malas prácticas na súa etiquetaxe que levan a confusión aos consumidores respecto aos que son de orixe animal.
Nesta liña, o responsable autonómico, acompañado pola directora do Cetmar, Rosa Chapela, puxo e valor a pertinencia desta iniciativa e recordou que, se ben hai un regulamento comunitario de Información Alimentaria, dita norma manifestouse insuficiente ante o uso de termos asociados aos produtos pesqueiros en alimentos vexetarianos ou veganos. Así, manifestou o seu apoio ás reivindicacións de organizacións representativas do sector como a Federación Nacional de Confrarías, Cepesca, Apromar, Anfaco-Cecopesca ou Conxemar, dado os prexuízos que está a xerar en termos comerciais e socioeconómicos.
Por outra banda, o titular de Mar resaltou as excepcionais calidades nutricionais dos alimentos mariños cun alto contido en ácidos graxos omega 3 e oligoelementos reguladores das funcións vitais, sendo a súa presenza na dieta dos consumidores sinónimo de saúde e benestar. Ademais, subliñou que os produtos pesqueiros galegos destacan pola sustentabilidade avalada pola Política Pesqueira Común (PPC) ofrecendo ao mercado unha excelente fonte de proteína coa menor pegada de carbono.
Foro de debate
O evento, patrocinado pola Xunta, contou coa participación da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), a Universidade de Coruña, Clusaga ou a Fundación Cetmar, entre outros. A longo da mañá sucedéronse relatorios da man de expertos nas que se abordou a situación actual dos alimentos e bebidas de base vexetal, o debate entorno ao seu etiquetaxe e comercialización, as reivindicacións dos diferentes sectores afectados e a necesidade de promover unha regulación específica para este tipo de alimentos.