O conselleiro do Mar participa na inauguración do evento, que se desenvolve ata o sábado

A Xunta estreita os vínculos pesqueiros entre Galicia e Cabo Verde coa súa participación na XI edición caboverdiana de Expomar

O Goberno autonómico busca afianzar a posición das industrias marítimo-pesqueiras galegas, axudas á apertura de novos mercados así como fomentar a súa internacionalización

Con esta finalidade, Alfonso Villares manterá distintos encontros con axentes e entidades do sector

Mindelo (Cabo Verde), 7 de novembro de 2024

A Consellería do Mar participa na XI edición da feira monográfica náutica e pesqueira Expomar Cabo Verde “Nós Mar, Nós Riqueza”, que se celebra ata o sábado 9 de novembro en Mindelo, na illa de San Vicente,  cun expositor propio no que se pon en valor o sector marítimo-pesqueiro galego e que conta coa presenza conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que, na tarde de hoxe, asistiu á inauguración deste evento.

Deste xeito, o Goberno galego estreita os vínculos pesqueiros entre Galicia e o país africano, pois durante a celebración deste evento, o conselleiro aproveitará a ocasión para manter distintos encontros con axentes de entidades do sector. O obxectivo, segundo destaca Villares, é afianzar os lazos comerciais no eido marítimo-pesqueiro, así como co resto de empresas asistentes a este certame internacional.

Na feira a Consellería do Mar pon a disposición dos participantes un espazo para manter reunións de negocios e facilitar así a ampliación dos contactos das empresas galegas. O Goberno autonómico busca así afianzar a posición das industrias marítimo-pesqueiras galegas, axudar á apertura de novos mercados así como fomentar a súa internacionalización.

Una feira referente e consolidada

A feira Expomar está organizada polo Ministerio de Economía e Emprego do país africano e reúne a axentes nacionais e internacionais pertencentes a sectores como a pesca e a transformación do peixe, alimentación, transporte marítimo, reparación naval e servizos náuticos. O encontro inclúe tamén conferencias internacionais, seminarios e obradoiros e encontros de negocios relacionados coa explotación sustentable dos recursos e coa economía marítima.

Cabo Verde é un pequeno estado insular e un gran estado oceánico, cunha extensa zona económica exclusiva, unha gran diversidade biolóxica e paisaxística, e onde máis do 99% do territorio é mar. Por este motivo, Expomar é un escenario privilexiado para o diálogo sobre a importancia da preservación e utilización sustentable do océano, reunindo técnicos, especialistas, investigadores, políticos e a comunidade educativa, nacional e internacional.

A XI Edición, cunha visión estratéxica de promoción de servizos e proxectos transversais centrados no desenvolvemento empresarial no ámbito marítimo, contribúe a que nun mesmo espazo se atopen todas as áreas do sector, converténdose, paralelamente, nunha fonte de difusión da diversidade de especies mariñas deste país e do alto potencial gastronómico do marisco que sae da súa costa, así como nun escenario de oportunidades para o emprendemento vinculado á pesca, ao turismo, a industria, ao deporte ou á ciencia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 07/11/2024