A Xunta participa no Encontro de Familias do Movemento Down para compartir experiencias sobre o día a día das persoas con discapacidade

A directora xeral de Persoas con Discapacidade participou na xornada organizada por varias entidades Down

Begoña Abeijón tamén asistiu á inauguración dos 29º Xogos Autonómicos de Fútbol Sala de Special Olympics Galicia

Vigo, 9 de novembro de 2024

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu esta mañá ao Encontro de familias do Movemento Down en Galicia. Trátase dunha xornada na que achegados e profesionais comparten experiencias sobre o día a día das persoas con discapacidade e propoñen iniciativas para mellorar a súa integración social.

Durante o encontro, os asistentes gozaron de diferentes actividades lúdicas, conferencias e debates. Begoña Abeijón participou cos profesionais e familiares no intercambio de experiencias e coñecementos sobre o Síndrome de Down. Neste senso, a directora xeral destacou que esta xornada supón tamén un punto de socialización para as persoas con discapacidade e os membros da súa contorna.

Así mesmo, Abeijón reiterou o compromiso do Executivo galego con todas as entidades que traballan día a día para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas. Así, lembrou que realizan un labor fundamental na promoción da integración e inclusión social das persoas con discapacidade en todos os ámbitos.

Inauguración dos 29º Xogos autonómicos fútbol sala de Special Olympics Galicia

A directora xeral de Persoas con Discapacidade asistiu á inauguración dos 29º Xogos autonómicos de fútbol sala- Trofeo Carlos Outeiriño da asociación Special Olympics Galicia. O encontro dispútase no complexo deportivo As Travesas, en Vigo e participan máis de 180 deportistas dunha ducia de asociacións de toda a comunidade.

Begoña Abeijón destacou o constante esforzo dos participantes que unha vez máis amosaron as súas habilidades nos distintos partidos. Así mesmo, a directora xeral fixo fincapé na importancia do deporte como unha forma de inclusión das persoas con discapacidade. Deste xeito, foméntase a súa autonomía e mellora da calidade de vida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2024