A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, comparece na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia
A Xunta mobilizará 9 millóns de euros no 2025 en axudas a proxectos colectivos de mellora e modernización das infraestruturas portuarias
A finalidade destes apoios é acadar un sistema portuario pesqueiro máis eficaz economicamente, tecnoloxicamente avanzado, socialmente integrador, enerxeticamente eficiente e que contribúa á neutralidade climática
Villaverde salienta que supón case un 10% máis do orzamentado inicialmente na anterior convocatoria que permitiu financiar 47 proxectos por valor de máis de 5 millóns de euros
A Consellería do Mar ten previsto realizar traballos de remoción de substrato nunha superficie de 900.000 m2 no Bohído e outros 264 mil m2 en Lombos do Ulla, traballos que terán continuidade no 2025 no marco do encargo á empresa Seaga por valor de máis de 605 mil euros.
A directora xeral puxo en valor os traballos de rexeneración realizados nas zonas de libre marisqueo da ría de Arousa que permitiu mellorar o stock nos bancos de O Bohído e Cabío respecto o 2023
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia mobilizará o vindeiro ano 9 millóns de euros en axudas a proxectos colectivos de modernización, mellora dos equipamentos e das infraestruturas portuarias dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros. Así o anunciou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Marta Villaverde, no marco da súa comparecencia na Comisión 8ª do Parlamento sobre estes apoios enmarcados no Plan de Equipamentos Pesqueiros de Galicia 2030.
A directora xeral explicou que a finalidade destes apoios é acadar un sistema portuario pesqueiro máis eficaz economicamente, tecnoloxicamente avanzado, socialmente integrador, enerxéticamente eficiente e que contribúa á neutralidade climática. Así, están estruturadas en cinco liñas estratéxicas que abordan aspectos como a mellora das condicións de traballo e seguridade, incrementar o control e trazabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca, a protección do medio ambiente, obras de modernización de infraestruturas portuarias pesqueiras, e a eficiencia enerxética.
Nesta liña, salientou que na última convocatoria, ante a gran cantidade de solicitudes presentadas e a relevancia que teñen os portos pesqueiros, a Consellería do Mar ampliou o crédito en case 3,4 millóns de euros. Deste xeito, foi posible financiar 47 proxectos, entre os que destacan os dirixidos a mellorar a trazabilidade dos produtos desembarcados que representan o 38% e os destinados a mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras que representan o 36% dos proxectos. Marta Villaverde resaltou os dedicados á eficiencia enerxética e a protección ao medio ambiente que permitirán un aforro enerxético do 57% e aforrar a emisión de case 40 toneladas de CO2 á atmósfera que equivalen á plantación dunhas 1.262 árbores. Cifras que, segundo explicou, axudarán á promoción deste tipo de actuacións que que supoñen importantes vantaxes económicas e medio ambientais para a sociedade. Un impacto no que se pretende afondar incrementando nun 10% o crédito para a vindeira convocatoria destes apoios respecto ao inicialmente orzamentado na anterior.
Libre marisqueo
Por outra banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro puxo en valor os traballos de rexeneración realizados nas zonas de libre marisqueo da ría de Arousa. Así, detallou o seguimento e avaliación de stock de diferentes bancos infralitoriais realizado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) que está permitindo un mellor asesoramento ao sector e á Consellería do Mar na xestión destes bancos. Ademais, tamén se leva tempo realizando actuacións de conservación e restauración dos bancos, uns traballos abalados por un proxecto previo co obxectivo de estudar o estado dos sedimentos e das poboacións da fauna dos fondos mariños.
Marta Villaverde explicou que a través de Redemar desenvolvéronse ou estanse a desenvolver proxectos vinculados á ría de Arousa entre os que destacou o estudo da influencia do substrato en bancos marisqueiros intermareais, a constitución dun grupo de traballo sobre a situación dos recursos marisqueiros nesta ría, o proxecto Ecosistémica24 a través do cal se manterán as series de datos de avaliación de stocks nos bancos de libre marisqueo e avaliar o estado sanitario por mor da Marteilia Cochilia ou o proxecto Calimar que se está a levar a cabo para estudar a calidade do medio mariño litoral e o seu efecto no marisqueo.
Traballos de rexeneración
A directora xeral sinalou que a Consellería do Mar ten prevista a realización de traballos de remoción de substrato nunha superficie de 900 mil m2 no Bohído e outros 260 mil m2 en Lombos do Ulla, que terán continuidade no vindeiro ano cun encargo á empresa Seaga por valor de máis de 605 mil euros. Nesta liña, subliñou que estas actuacións dan continuidade as realizadas nos últimos anos e que permitiron mellorar o stock nos bancos de O Bohído e Cabío respecto ao 2023, segundo se desprende das mostraxes realizados polo CIMA en setembro.
Marta Villaverde recoñeceu o traballo realizado pola Asociación de Rañeiros da Ría de Arousa que asumiu a xestión das zonas de libre marisqueo a través dun plan específico desde o ano 2019 ata o 2023. Unha tarefa que cualificou de “difícil e complexa” que mostra o modelo de cogobernanza do sector entre o Goberno galego e os profesionais do marisqueo en Galicia.