A Xunta reforza as actividades do centro sociocomunitario da Estrada destinadas aos usuarios da residencia e ao resto da veciñanza

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria visitou as instalacións e coñeceu o calendario de eventos que realizan ao longo da semana

Estas actividades realízanse no mesmo recinto da residencia de maiores e están abertas a todos os veciños da localidade

A Estrada (A Coruña), 13 de novembro de 2024

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitou o centro sociocomunitario da localidade que está situado na residencia pública de maiores. Neste encontro, a Administración galega comprometeuse a impulsar novas actividades orientadas aos usuarios do centro e ao resto de veciños.

Neste senso, o director xeral destacou que é fundamental ofrecer iniciativas que fomenten a vida activa das persoas maiores para previr situacións de dependencia e mellorar a súa calidade de vida. Así, entre as actividades que se realizan nestas instalacións, destacan o baile, as actuacións teatrais e tamén musicais.

Durante a visita, Antón Acevedo constatou que as actividades que se impulsan dende o centro sociocomunitario contan cunha gran acollida tanto polos usuarios como polo resto de veciños que acoden diariamente ás instalacións. Así mesmo, o director xeral trasladoulles que o Executivo galego seguirá promovendo iniciativas para fomentar un envellecemento activo.

Data de actualización: 13/11/2024