A Consellería do Mar achega aos escolares de Vilasantar os beneficios de consumir produtos pesqueiros coa campaña Galicia sabe AMAR
Vilasantar (A Coruña), 13 de novembro do 2024
A Consellería do Mar achega aos escolares do CEIP de Présaras os beneficios de consumir produtos pesqueiros coa campaña Galicia Sabe AMAR. O responsable deste departamento, Alfonso Villares, visitou a foodtruck que este mércores recalou no centro educativo, situado no concello coruñés de Vilasantar, co fin de dar continuidade ao obxectivo do Goberno autonómico de pór en valor a excelente calidade dos produtos que saen da costa galega e, en consecuencia, dos importantes efectos que ten a súa inxesta para a salubridade, así como para a economía que se xera en torno á cadea mar-industria.
Precisamente, os Orzamentos da Consellería que dirixe Villares para 2025, recollen un esforzo inversor tanto para as campañas de promoción de alimentos, como para a mellora da comercialización dos produtos pesqueiros e acuícolas no marco da calidade e o valor engadido, que xunto ao estudo de patróns e tendencias de consumos, reciben un investimento de máis de 20 millóns de euros, un 75% máis que en 2023. Ademais, accións como Galicia Sabe AMAR que, por primeira vez, se expande aos centros escolares, mobilizarán en conxunto máis de 2,3 millóns de euros.