O presidente da Xunta acudiu á inauguración das instalacións, que contaron cun investimento de 2 M€ por parte da Administración autonómica
Rueda anuncia que o novo centro de Aspanaex en Vigo contará con 35 prazas concertadas a partir dos primeiros meses de 2025
Apunta que esta nova infraestrutura vai supoñer “un antes e un despois” na cidade e toda a súa zona
Salienta o traballo das asociacións que traballan pola discapacidade en Galicia, que desenvolven “funcións insubstituíbles”
Vigo, 14 de novembro de 2024
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que o novo centro de Aspanaex en Vigo, a cuxa inauguración asistiu hoxe, contará con 35 prazas concertadas a partir dos primeiros meses de 2025.
Rueda, que salientou o traballo de Aspanaex e de todas as asociacións que traballan pola discapacidade en Galicia, fixo fincapé en que estas desenvolven “funcións insubstituíbles”. Tal e como subliñou o responsable do Executivo autonómico, son “miles de persoas as que dedicades o voso tempo a cambio de nada” para lograr obxectivos que, se se abordasen só desde a Administración, “o resultado desde logo non sería nin moito menos tan bo”.
O centro, que segundo Rueda vai supoñer “un antes e un despois” na cidade de Vigo e toda a súa zona, prestará servizos de residencia e centro de día e contará cun total de 100 novas prazas. A Xunta achegou 2 M€ para financiar as obras, unha cifra que supón case o 50% do total e que provén dunha orde financiada con fondos europeos e que xa beneficiou a 10 entidades sociais galegas.
Orzamentos sociais
Rueda salientou que os orzamentos da Xunta para 2025 “son máis sociais que nunca”, apuntando que “somos conscientes de que hai moitas necesidades, e de que temos que seguir facendo todo o posible”. Así, nos presupostos para 2025 presentados pola Xunta 3 de cada 4 euros están destinados a gasto social. Concretamente no ámbito da discapacidade, 176 M€ irán destinados a blindar este servizo, un 2% máis que o ano anterior, e tamén cómpre destacar o incremento dun 20% do apoio ás entidades sociais para o desenvolvemento de servizos e programas.