A Xunta pon en valor as máis de 14.300 actuacións levadas a cabo pola xefatura da Policía Autonómica de Ourense neste ano
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva visitou as instalacións da UPA na cidade ourensá
O déficit de efectivos supera xa o 30% no conxunto da comunidade e nunha porcentaxe similar na sede en Ourense, o que pon en risco a atención das competencias deste corpo policial
Ourense, 14 de novembro de 2024
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou instalacións da Policía Autonómica (UPA) en Ourense, onde puxo en valor o traballo da unidade nesta área, que no que vai de ano realizou 14.300 actuacións, sobre todo inspeccións e identificacións.
Na visita, na que participou tamén o comisario xefe da UPA, Jorge Rubal, o director xeral reclamou ao Goberno a cobertura total das prazas que corresponden a Galicia. O catálogo da Policía Autonómica na comunidade galega é de 500 policías, polo que ten un déficit do 30% cos 344 axentes actuais. No caso de Ourense, os 40 efectivos dispoñibles son 15 menos dos 55 que lle correspondería a esta sede, o que supón unha carencia tamén de case un terzo.
Nesta liña, destacou o risco que representa a escaseza de persoal na atención as competencias asumidas por este corpo policial que nos últimos anos foron aumentando de forma progresiva e inclúen temas fundamentais como a atención a menores ou a vítimas de violencia de xénero, ademais da loita contra os delitos relacionados co medio ambiente, os incendios forestais ou o furtivismo, entre outros.
As instalacións da Policía Autonómica en Ourense contan con 500 metros cadrados de superficie por planta. A primeira planta acolle os diferentes despachos, entre eles os específicos para a atención a menores e a vítimas de violencia de xénero, así como para abordar os delitos relacionados co medio ambiente e con incendios. Na planta baixa atópase unha área de seguridade, sala de xuntas, almacén e vestiarios, entre outros espazos. O edificio está dotado de medidas de seguridade como cámaras e exteriores dous armeiros, un xeral e outro que se porá en marcha individualizado para cada axente. No que se refire á dotación da unidade, dispón de 13 vehículos.