A Xunta inviste 60.000 euros na mellora da iluminación ornamental do mosteiro de Santa Catalina de Montefaro

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou xunto a representantes do Concello de Ares o cenobio no que se actuou con cargo a dúas achegas autonómicas para a mellora das infraestruturas turísticas nos concellos de ata 10.000 habitantes

O proxecto permitiu dotar a edificación dunha iluminación axeitada para a correcta observación dos seus paramentos

Ares (A Coruña), 15 de novembro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o mosteiro de Santa Catalina de Montefaro no que o Concello de Ares acometeu actuacións de mellora na iluminación ornamental con cargo a dúas achegas autonómicas de 60.000 euros -30.000 na convocatoria de 2023 e outros 30.000 en 2024- para melloras de infraestruturas turísticas nos concellos de ata 10.000 habitantes que convoca Turismo de Galicia.

O proxecto, cuxo obxectivo é o de sanear e realzar as fachadas do cenobio, dotándoo dunha iluminación axeitada para a correcta observación dos seus paramentos, acometeuse en dúas fases. Na primeira incluíuse a instalación de oito luminarias lineais nas bases das columnas do campanario e un proxector no interior do mesmo. Ademais colocáronse outros 17 proxectores na porta de acceso ao mosteiro, na torre do campanario e na fachada principal e lateral dereita do mesmo. Nunha segunda fase, acometida este ano, retiráronse as luminarias tipo vila, brazos e cableados existentes para proceder á instalación doutros 14 proxectores nas fachadas posterior e lateral esquerdo da edificación.

A delegada territorial lembrou que esta convocatoria, dotada este ano dun orzamento de 2 M€, ten por obxectivo fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Deste xeito son subvencionables aquelas actuacións de embelecemento nos accesos a recursos turísticos dos Concellos como é o caso do mosteiro de Santa Catalina, que poderán incluír a recuperación e tratamento paisaxístico da contorna, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas e outros elementos de intereses turísticos; adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes, e actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2024