Galicia presenta a súa proposta de turismo rural activo e enogastronomía na Feira INTUR de Valladolid

A cita inclúe unha xornada centrada no sector profesional e tamén a exposición ‘Intur Viaxeiros’ dirixida ao público xeral

Valladolid, 16 de novembro de 2024

Turismo de Galicia está a participar esta fin de semana na Feira INTUR de Valladolid que este ano alcanza a XXVII edición. A cita inclúe xornadas diferenciadas para o sector profesional e outras especificamente para o público xeral. Así, ata este domingo a feira estará aberta a público en xeral e Turismo de Galicia presentará a súa oferta en turismo rural activo, experiencias en contacto coa natureza, enogastronomía e o Camiño de Santiago, entre outras propostas.

Segundo o INE, de xaneiro a setembro, preto de 6 millóns de persoas aloxáronse nos establecementos turísticos de Galicia. O 70% da demanda corresponde ao turismo nacional, segmento que inclúe os residentes en Galicia e o das restantes Comunidades Autónomas.

Nun stand de deseño de 100 m2 de superficie, a Xunta busca difundir a oferta turística xeral de Galicia, e en espacial o turismo de interior, o denominado rural activo, as propostas en plena natureza, a enogastronomía, o turismo urbano e tamén o Camiño de Santiago. A hospitalidade dos galegos xunto co traballo artesán das xentes de Galicia serán outros dos atractivos que se busca poñer en valor nesta cita do turismo de interior. Así, unha artesá collareira co selo de Artesanía de Galicia, realizará un obradoiro en vivo utilizando cunchas mariñas.

A Feira INTUR inclúe a oferta de destinos da Península Ibérica, Francia e Cuba e conta especificamente coa presenza de once Comunidades Autónomas e dezanove provincias. No ámbito de negocios, o encontro congrega ata 60 compradores internacionais de Alemaña, Bélxica, China, Canadá, Hong Kong, Italia, Polonia e Portugal. Precisamente, nesta edición, o país luso está a ter unha presenza destacada a través da súa proposta de visita aos pobos do interior do Alentejo.

O evento que converte esta fin de semana Valladolid no centro da oferta turística de España tamén inclúe a celebración do Congreso Internacional AR&PA, que aborda entre outros aspectos os retos actuais do patrimonio cultural e o seu impacto no turismo e na economía das rexións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2024