A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo
O fenómeno adverso estará activo desde primeiras horas da mañá de mañá con ventos que poden acadar forza 8 e ondas de ata 5 metros
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde primeiras horas de mañá no noroeste do litoral da Coruña e na Mariña lucense por vento do oeste ou suroeste forza 8 en torno a estaca de Bares e mar combinada do oeste con ondas de ata cinco metros mar adentro.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.