A Xunta aborda a prórroga do Plan de Transporte Metropolitano cos concellos da área de Ferrol
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, presidiu esta mañá a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano desta área, que suporá unha achega anual de máis de 887.000 euros, o 80% do investimento total de 1,3M€
O Goberno galego continuará a financiar os descontos do 80% que se aplican nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos e as bonificación adicionais aos usuarios recorrentes e membros de familias numerosas
Ferrol, 21 de novembro de 2024
A Xunta e os 11 concellos da área de transporte metropolitano (ATM) de Ferrol -o concello ferrolán, Miño, Cabanas, Pontedeume, Ares, Valdoviño, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón e Neda- abordaron hoxe na comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano desta área. A reunión estivo presidida pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
Así, a Xunta destinará máis de 887.000 euros ao ano, o 80% dos máis de 1,3 millóns do importe total do acordo, mentres que os 11 municipios da área achegarán os 440.200 euros anuais restantes. No marco deste convenio, a Xunta continuará a financiar os descontos do 80% que se aplican nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos, e as bonificación adicionais aos usuarios recorrentes (15%) e membros de familias numerosas, de ata o 50%.
A prórroga deste acordo súmase aos previstos nas áreas de Lugo e Santiago -que xa celebraron a súa comisión de seguimento -, e A Coruña, prevista para a próxima semana. Tras a convocatoria ao longo deste mes da a comisión de seguimento das catro áreas para escoitar aos concellos prevese, como lembrou hoxe a directora xeral, que o organismo se reúna cada seis meses para avaliar o convenio.
O investimento total dos convenios nas catro áreas ascende a case 6,4 millóns anuais, dos que 5 millóns corresponden á Xunta. A medida garante o mantemento das bonificacións nas tarifas do autobús metropolitano aos viaxeiros de 55 concellos das áreas das catro cidades, entre eles os 11 da área ferrolá.
Cómpre destacar que os concellos da ATM de Ferrol están conectados por unha rede de autobús interurbano conformada por 229 liñas, que prestan servizo en máis de 3.900 paradas e nas que se ofrecen máis de 235.000 servizos ao ano en máis de 5,6 millóns de quilómetros de servizo.
Canto á evolución da demanda, desde outubro de 2023 a setembro de 2024, ambos os incluídos, superáronse os 2,6 millóns de viaxes, dos que máis do 90% se beneficiaron dos descontos e bonificacións activadas no marco do convenio asinado entre a Xunta de Galicia e os concellos para o fomento do transporte público na área metropolitana de Ferrol. Xunto cos descontos da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) -cunha bonificación do 50%- os menores de 21 anos e os mairoes de 65 anos contan con 60 viaxes mensuais gratuítas no transporte interurbano a través daTarxeta Xente Nova e da Tarifa +65, respectivamente.
Congreso Mobilidade Sostible
A directora xeral de Mobilidade participou esta semana nun congreso de mobilidade sostible en Madrid, onde precisamente puxo en valor as áreas de transporte metropolitano ao garantir “un transporte público, de vangarda, económico coordinado e útil”. Xunto coas catro ATM coas que se están a abordar a renovación dos convenios para os próximos catro anos -A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Lugo- na de Vigo xa está prorrogada ata o próximo ano. Judit Fontela fixo balance da demanda nestas cinco áreas con case 13 millóns de viaxes bonificadas, o que se traduciu nun aforro de case seis millóns de euros para as persoas usuarias.