A Xunta destaca o seu compromiso para garantir os mellores servizos de atención residencial ás persoas con parálise cerebral
A directora xeral de Persoas con Discapacidade participou na primeira xornada de traballo do Observatorio ibérico de residencias de parálise cerebral
Vigo, 18 de novembro de 2024
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, trasladou o firme compromiso da Xunta para garantir os mellores coidados ás persoas con parálise cerebral que están en centros residenciais. Así o sinalou durante a primeira xornada de traballo do Observatorio ibérico de residencias de parálise cerebral.
Begoña Abeijón amosou o seu agradecemento ás entidades sociais que conforman este novo órgano por xerar un espazo de debate que permita analizar novas técnicas de coidados e atención ás persoas con discapacidade. Así, trasladoulles o compromiso de todo o Executivo galego para seguir proporcionando recursos que melloren a calidade de vida das persoas afectadas.
O Observatorio está formado por dúas asociacións galegas, Amencer-Aspace e Apamp, xunto a outras portuguesas. Este órgano traballa con perfís técnicos para abordar diferentes cuestións relativas á parálise cerebral e, en concreto, a atención en residencias. Deste xeito, durante este primeiro encontro de traballo a directora xeral lembroulles que contan co apoio da Xunta de Galicia en calquera aspecto que supoña a mellora das condicións de vida das persoas con discapacidade.