A Xunta remata as obras de mellora do bombeo e do colector de Cabanelas, no concello de Ribadumia, cun investimento de máis de 950.000 euros

Os traballos, cofinanciados pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, supuxeron modificar o trazado da impulsión para que non pase polo bombeo de Barrantes, mellorando así o funcionamento da estación depuradora

As actuacións optimizan a eficiencia das infraestruturas hidráulicas dando servizo a unha poboación equivalente de 950 persoas con horizonte no ano 2042

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, concluíu recentemente as obras de mellora do bombeo e do colector de Cabanelas, no concello pontevedrés de Ribadumia, cun investimento de máis de 950.000 euros. Trátase de optimizar o funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ribadumia, que dá servizo a este concello e aos de Cambados e Vilanova de Arousa.

As actuacións -cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 e 2021-2027- dan resposta ás demandas da Mancomunidade do Salnés e consistiron na modificación do trazado da impulsión do bombeo de Cabanelas para que verta as súas augas directamente á EDAR de Ribadumia, sen pasar previamente polo bombeo de Barrantes, como ocorría ata agora.

Os traballos incluíron a instalación de 1.780 metros de impulsión, a remodelación do bombeo de Cabanelas para ampliar o caudal de deseño a 56,5 litros por segunda e a mellora do bombeo de Barrantes para adaptalo ao seu novo caudal de funcionamento, que estará limitado a 125 litros por segundo. Ademais procedeuse á inspección, limpeza e rehabilitación de 364 metros de colectores na rede que verte á estación de bombeo de Cabanelas para reducir a infiltración destes tramos.

Con estas actuacións para optimizar a eficiencia das infraestruturas hidráulicas darase servizo a unha poboación estimada de preto de 950 habitantes equivalentes con horizonte no ano 2042 e reducirá os alivios do bombeo de Barrantes, mellorando así o funcionamento xeral do sistema.

Data de actualización: 23/11/2024