A Xunta avanza na dinamización das peixerías tradicionais mediante cursos de innovación e adaptación ás novas tendencias de consumo

A Consellería do Mar desenvolve esta iniciativa en colaboración con Fedepesca co obxectivo de introducir nestes establecementos novos produtos e servizos co obxectivo de atraer a novos clientes  

Alfonso Villares visita a acción formativa realizada na lonxa coruñesa onde destaca o papel das peixerías tradicionais como divulgadoras da calidade e beneficios para a saúde que hai detrás do consumo dos alimentos mariños 

Estas formacións, que se celebraron en Santiago de Compostela, Pontevedra, foron dirixidas tanto a profesionais en activo como a alumnado de formación profesional beneficiando ata agora a un total de 145 persoas

A Coruña, 25 de novembro de 2024

A Consellería do Mar, en colaboración coa Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixe e Produtos Conxelados (Fedepesca), está desenvolvendo cursos de innovación e novas tendencias en peixerías tradicionais, elaboracións e degustacións no punto de venda co obxectivo de dinamizar estes establecementos e reforzar o seu papel como divulgadores da calidade e saúde que hai detrás do consumo dos produtos pesqueiros.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe a acción formativa que se desenvolveu na lonxa coruñesa, que sumada as anteriores celebradas en Pontevedra e Santiago de Compostela xa beneficiaron 145 persoas, onde puxo en valor o traballo que se desenvolve nestes espazos comerciais de proximidade prestando un servizo de calidade e ofrecendo o mellor asesoramento aos seus clientes. Nesta liña destacou a necesidade de modernizar e innovar como camiño para dar unha resposta eficaz as novas necesidades das familias e ás preferencias dos consumidores nun contexto complexo marcado polo descenso progresivo do consumo dos produtos pesqueiros desde o 2014.

Estas formacións gratuítas abordan aspectos como a elaboracións de pratos preparados nun obradoiro ou a oferta de degustacións así como novos cortes dos produtos pesqueiros, que faciliten o seu consumo, con novas presentacións como sushi, poke, ceviche máis demandados polas novas xeracións. O titular de Mar destacou que se trata de utilizar novas ferramentas que permitan ampliar a oferta das peixerías coa finalidade de mellorar a súa competitividade. Ademais, inclúen directrices básicas dirixidas a controlar os principais riscos (físicos, químicos ou biolóxicos como alérxenos),

O responsable autonómico reiterou o compromiso do Goberno galego en apoiar as peixerías tradicionais con estas accións ás que sumou as iniciativas que estase a desenvolver nas prazas de abastos por todo o territorio galego a través do selo PescadeRías, ou a campaña GALICIA SABE AMAR, destinadas a promocionar o consumo do peixe e mariscos galegos. 

Formación práctica 

O curso consta dunha parte teórica impartida pola responsable de Calidade e Seguridade Alimentaria de Fedepesca, Sofía Gómez autora de distintas publicacións como a Guía de Boas Prácticas de Hixiene do Sector Minorista de Produtos Pesqueiros, validada pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria. Sen embargo, a maior parte da formación é de carácter práctico da man de Manuel Criado, peixeiro de ampla experiencia quen aplicou con éxito no seu propio negocio as medidas innovadoras recollidas no curso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2024