A conselleira de Política Social e Igualdade, acompañada do alcalde do municipio, participou hoxe no aniversario deste servizo de atención diúrna

Fabiola García celebra os vinte anos do centro de día de Sanxenxo ao que sitúa como exemplo dun servizo pensado para garantir o benestar das persoas maiores

A conselleira desexou que estas dúas décadas “sexan só o inicio dun longo camiño” e que este centro “siga sendo o que xa é: unha segunda casa para os seus usuarios”

Apostou por seguir ampliando a carteira de servizos para darlle aos maiores a posibilidade de decidir onde e como pasar esta etapa das súas vidas

Sanxenxo (Pontevedra), 28 de novembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o centro de día municipal de Sanxenxo acompañada do alcalde do municipio, Telmo Martín. O motivo da visita foi participar no vixésimo aniversario deste centro de atención diúrna, unha celebración á que asistiron numerosos usuarios e os seus familiares.

Na súa intervención, a conselleira felicitou ao centro e ao seu persoal por “ofrecer día a día un servizo estritamente pensado para garantir o benestar das persoas maiores” e destacou que este centro leva xa “dúas décadas sendo exemplo dunha atención integral e plural aos maiores do concello e da comarca”.

No centro de día de Sanxenxo ofrécese atención, terapias e coidados durante oito horas ao día a preto de 80 maiores desta localidade e da súa comarca. Na súa oferta, inclúe múltiples servizos destinados ás persoas usuarias como poden ser terapia ocupacional, educación social, fisioterapia, animación sociocultural, enfermería, comedor ou transporte.

A conselleira puxo en valor os centros de atención diúrna como un servizo que permite garantir o benestar e o coidado das persoas maiores ao tempo que seguen vivindo nas súas casas. Neste sentido, apostou por seguir ampliando a carteira de servizos para darlle aos maiores a posibilidade de decidir onde e como pasar esta etapa das súas vidas.

Fabiola García, que puido coñecer a usuarios do centro e aos seus familiares, desexou que estes vinte anos de historia “sexan só o inicio dun longo camiño” e que o centro de día de Sanxenxo “siga sendo o que xa é: unha segunda casa para os seus usuarios”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2024