A Xunta avoga por seguir traballando nas posibilidades de pesca e a minoración de descartes como pasos decisivos na revisión da PPC
Burela (Lugo), 28 de novembro de 2024
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, expuxo este xoves na Xornada sobre Obrigación Desembarque e Valorización de Especies con Alto Potencial de Comercialización, organizada pola OPP-7, a necesidade de seguir traballando nas capacidades de pesca e na minoración de descartes, dado que son pasos decisivos de cara a unha revisión da Política Pesqueira Común (PPC) no escenario que se abre neste senso co nomeamento no novo Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis.
Trátase, segundo sinalou o director mariñán, de facer máis realista e asumible estes retos nos que o sector marítimo-pesqueiro está inmerso, pois cómpre artellar e definir as fórmulas sen que estas cuestións supoñan un menoscabo para a actividade da frota.
A finalidade debe ser, segundo trasladou aos asistentes, conseguir o máximo nivel de cota para poder facer unha mellor xestión da pesquería ao longo do ano. E é que, unha política europea eficaz, sumada á simplificación e redución da burocracia, ademais de reforzar a imaxe da actividade son cuestións que deben centrar o período da nova lexislatura comunitaria e deben ser os piares nos que pivote a revisión da Política Pesqueira Común.