A Xunta pon en valor o papel da asociación Limisi na integración de persoas con diversidade funcional
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, mantivo unha reunión con representantes da entidade
Xinzo de Limia (Ourense), 3 de decembro de 2024
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá a sede da asociación de persoas con diversidade funcional Limisi. O obxectivo do encontro foi coñecer os proxectos e iniciativas que están levando a cabo na comarca da Limia e as vías de colaboración que a Xunta mantén coa entidade.
Durante o encontro, Begoña Abeijón fixo un recoñecemento ao traballo que desenvolve esta entidade a favor da promoción de persoas con diversidade funcional e destacou a colaboración do Executivo galego, que nos últimos tres anos se traduciu en axudas que superaron os 130.000 euros. Con estas achegas, apoiáronse iniciativas de dixitalización, integración social e transporte adaptado.
Limisi é unha asociación de pais, nais, familiares, amigos e persoas con discapacidade intelectual que leva desenvolvendo a súa actividade na comarca desde o ano 2002. A entidade dispón dun centro ocupacional e dunha vivenda tutelada.