Valentín García destaca en Cataluña a importancia de “manter vivos os lazos culturais”

O secretario xeral da Lingua participa nunha xornada organizada pola Asociación Rosalía de Castro de Cornellá, que promove un certame de poesía en galego

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, fixo fincapé na “importancia de manter vivos os lazos culturais con outras Comunidades onde están asentados moitos galegos” en referencia á súa participación nos actos organizados este sábado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá.

Así, o representante da Xunta destacou “o esforzo por promover actividades para achegar a lingua e cultura galegas ás novas xeracións” desta agrupación catalana que un ano máis convocou o seu Certame Internacional de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, unha iniciativa que, apuntou Valentín García, “contribúe a manter viva a identidade galega máis alá da nosa terra”.

Ademais de asistir ao acto onde se darán a coñecer as persoas gañadoras, o responsable de Lingua do Goberno autonómico tamén participará na presentación do libro Certame Rosalía de Castro 2019-2023, un novo volume no que se recollen os premiados dos últimos anos e que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no marco do seu impulso á proxección exterior do idioma.

Ademais deste acto, Valentín García tamén asistiu onte, na súa visita a Cataluña, ao concerto Galicia canta ao Nadal que ofreceu a Coral Polifónica Estradense en Santa Coloma de Gramenet e á presentación do libro A muller xabaril, de Fina Casalderrey, no Centro Galego de Barcelona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/12/2024