A Xunta pon en valor o traballo de Adace na atención e integración das persoas con dano cerebral adquirido en Lugo
O Goberno galego financia cada ano con 118.000 euros unha decena de prazas de atención e coidado desta entidade
Lugo, 9 de decembro de 2024
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións da asociación de Dano Cerebral Sobrevido (Adace). Durante o encontro, puxo en valor o traballo que realizan os profesionais desta entidade e os achegados das persoas con discapacidade para facilitar a súa integración en todos os ámbitos sociais.
Begoña Abeijón lembrou que a Xunta de Galicia financia cada ano unha decena de prazas de atención no seu centro de día con máis de 118.000 euros. Así mesmo, tamén apoia os diferentes proxectos destinados ao fomento da autonomía, á mobilidade e accesibilidade que levan a cabo desde a asociación e para os que o Executivo galego destinou máis de 176.000 euros nos últimos anos.
Neste sentido, a directora xeral trasladou aos membros da entidade o compromiso da Xunta de Galicia de seguir apoiando as iniciativas de Adace co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos seus usuarios. Así mesmo, destacou que no ano 2025 a Consellería de Política Social e Igualdade destinará máis de 176 millóns de euros á atención e coidado das persoas con discapacidade.