A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá este centro ao que asisten case cen nenas e nenos

A Xunta financiará con 300.000 euros a reforma integral da escola infantil pública de Elviña

Fabiola García destaca que Galicia é líder en escolarización na primeira etapa de educación infantil, cunha ratio que se sitúa por riba do 60% e supera en 12 puntos á media española

Lembra que a Xunta xa advertiu hai tres anos de que os fondos europeos serían unha “oportunidade perdida” debido aos estritos criterios marcados polo Goberno central, “que non respondían ás necesidades de Galicia”

A Coruña, 10 de decembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou esta mañá que a Xunta impulsará o vindeiro ano a reforma integral da escola infantil pública de Elviña, unha actuación na que se investirán preto de 300.000 euros. Estas obras permitirán mellorar a envolvente térmica do centro, ao que asisten cada día preto de 100 nenas e nenos, e acadar un maior confort dos usuarios, incrementando ao mesmo tempo o aforro enerxético.

A conselleira, que realizou unha visita ás instalacións da escola infantil, destacou que este investimento sumarase aos máis de 3M€ que a Xunta ten destinado en 2024 a obras de mellora na rede pública autonómica de centros de 0 a 3 anos e que supuxeron investir case 50.000 euros nesta escola.

Durante a súa visita, Fabiola García destacou que Galicia é líder absoluta en escolarización na primeira etapa de educación infantil, cunha ratio que se sitúa por riba do 60% na etapa 0-3 e supera en 12 puntos á media española. Unha medida que, segundo subliñou, é posible grazas ao compromiso do Goberno galego con esta etapa e a un investimento de máis de 65M€ ao ano, e que permite que máis de 32.000 familias galegas poden aforrar, cada ano, ata 3.000 euros na educación dos seus fillos.

En relación aos fondos europeos, a conselleira lembrou que a Xunta xa advertiu hai tres anos de que serían unha “oportunidade perdida” debido aos estritos criterios marcados polo Goberno central, “que non respondían ás necesidades de Galicia”. Neste sentido, lembrou que estes fondos non se poden utilizar para o programa de gratuidade que impulsou Galicia, e que é financiado pola Xunta con fondos propios. E, ademais, tampouco se poden usar para mellorar as instalacións das escolas infantís xa existentes, como é o caso da de Elviña.

Sobre esta cuestión, lembrou que a Xunta sacou tres convocatorias públicas para que os concellos se acolleran a estas axudas, o que permitirá que se creen máis de 1.000 novas prazas públicas de 0 a 3 en colaboración cos concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2024